A USC e Cristal Pontevedresa colaboran na procura de mercados internacionais para o vidro manufacturado
Impulsar a expansión e o recoñecemento do sector transformador do vidro en mercados internacionais. Este é o obxectivo último da colaboración desenvolvida nos últimos meses pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), e a compañía Cristal Pontevedresa, especializada na manufacturación do vidro desde 1959.
A través do Master en Dirección e Xestión de Comercio Exterior (MASCOMEX), organizado pola USC, realizouse un estudo de internacionalización da compañía galega, co obxectivo de analizar o seu potencial como empresa exportadora e seleccionar mercados obxectivos, establecendo un ranking de mercados prioritarios cara aos que orientar a súa actividade internacional.
Na segunda fase, presentáronse os estudos de mercado dos países seleccionados como prioritarios, incluíndo a análise da competencia, factores determinantes da demanda, canles de distribución, análise de prezos e outros factores de comercialización.
Este foi o traballo realizado nesta edición 2013-2014 do MASCOMEX, un dos masters da USC con maior prestixio, que iniciou a súa andaina en 1991, coa misión de formar expertos en internacionalización de empresas, comercio exterior e negocios internacionais, que contribúan ao desenvolvemento internacional das empresas galegas.
“No curso 1999-2000 decidimos que unha boa forma de facelo era colaborar con empresas de diversos sectores de Galicia, para realizar estudos de internacionalización e detectar para eles oportunidades comerciais no exterior. Desde entón foron numerosas as empresas coas que colaboramos, este ano foi Cristal Pontevedresa, o ano pasado o foi Torre de Núñez, o anterior Bahía Software e así un longo etc., e sempre eliximos empresas competitivas que están a iniciar a súa expansión exterior, cuxa dirección estea altamente comprometida coa internacionalización e ademais se involucre activamente no noso proceso formativo. Isto garante que a nosa colaboración vai ser produtiva e eficaz para o seu desenvolvemento internacional. Este é tamén o caso de Cristal Pontevedresa unha representante magnifica das posibilidades que ten o sector de transformadosdel vidro para competir con éxito nos mercados internacionais”coméntanos o seu director, Miguel Otero.
“Esta colaboración coa USC é para Cristal Pontevedresa unha moi boa oportunidade para contribuír á formación de profesionais en comercio exterior, e de facelo ademais detectando oportunidades de crecemento naqueles mercados internacionais que máis poden demandar manufacturas en vidro. É sen dúbida unha excepcional sinerxía e un exemplo de integración entre os mundos académico e empresarial, cun obxectivo primordial: impulsar o crecemento do noso sector máis aló das nosas fronteiras”, explica Francisco Barbeito, director xeral de Cristal Pontevedresa.
Sobre Cristal Pontevedresa
Cristal Pontevedresa acumula máis de 50 anos de experiencia na transformación de vidro. Actualmente, a compañía realiza un importante esforzo en I+D+i, para desenvolver produtos en vidro que destaquen pola súa innovación, seguridade e fiabilidade.
Proba deste esforzo é o investimento realizado para dotar ás súas instalacións produtivas das tecnoloxías máis avanzadas no tratamento do vidro. Cristal Pontevedresa suma máis de 17.000 m2 de instalacións, entre a factoría dedicada en exclusiva á transformación de vidro de seguridade LAMIDUR ® e as súas instalacións centrais.
Actualmente, Cristal Pontevedresa atópase nunha fase de crecemento en mercados internacionais. Grazas ao traballo desenvolvido polo seu departamento de Exportación, a compañía conta xa con delegacións comerciais en Polonia e Portugal e desenvolveu proxectos en países de África, Europa e América.











