A unidade fixa de exploración de cancro de mama en Monforte incrementou a participación nun 2,2%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

A Consellería de Sanidade iniciou esta semana na área sanitaria sur da provincia a novena fase da campaña do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama. En total, serán revisadas 6.220 mulleres con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, pertencentes aos once municipios que forman esta área sanitaria.

Jorge Suanzes Hernández, subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade visitou hoxe a Unidade Fixa de Exploración do cancro de mama, que se puxo en marcha na anterior campaña no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, e que veu substituír á unidade móbil. Durante a súa visita estivo acompañado polo xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Antonio García Quintáns; polo xerente executivo da área sanitaria de Monforte, Antonio Acevedo Prado; e pola subdirectora xeral de Planificación e Programación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Teresa Queiro Verdes.

Jorge Suanzes lembrou que a participación das mulleres lucenses nestas campañas preventivas sempre foi das máis elevadas de Galicia. Sen embargo, a posta en marcha da Unidade Fixa de Exploración no Hospital de Monforte fixo que a participación se incrementara de xeito importante na anterior campaña con respecto ás anteriores. Así, segundo explicou, na campaña levada a cabo no ano 2010 a participación de mulleres no programa (que se levaba a cabo na unidade móbil) foi dun 81,7% das mulleres citadas, mentres que na campaña de 2012, que tivo lugar xa na Unidade Fixa, a participación subiu ata un 83,9, é dicir, 2,2 puntos máis.

Esta nova campaña de detección precoz de cancro de mama, a novena que se leva a cabo na área sur da provincia, deu comezo o pasado 25 de xuño, e rematará en xaneiro de 2015, unha vez revisadas ás máis de 6.200 mulleres que forman a poboación diana desta zona da provincia.

Para as exploracións da novena campaña de detección precoz do cancro de mama na zona sur serán citadas 229 mulleres do concello de Bóveda, 336 de Carballedo, 1.054 de Chantada, 138 de Folgoso do Caurel, 2.417 de Monforte de Lemos, 386 de Pantón, 251 de Pobra de Brollón, 461 de Quiroga 461, 130 de Ribas do Sil 130, 542 de O Saviñao e 276 mulleres de Sober.

O Programa Galego de Detección Precoz do cancro de mama ten como obxectivo primordial reducir a mortalidade por esta patoloxía. O programa, dirixido a mulleres de entre 50 e 69 anos, pon ao seu alcance a realización de mamografías periódicas cada dous anos.

Na maioría dos casos o resultado das mamografías confirma a ausencia de lesións sospeitosas. Tan só arredor dun 3% das mulleres exploradas teñen que ser remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo.

A supervivencia está intimamente ligada ao estadío diagnóstico. Así, máis do 93% dos cancros diagnostícanse en estadíos 0, I e II, nos que a supervivencia aos cinco anos supera o 97%. Ademais, a supervivencia das mulleres diagnosticadas polo programa é superior á das mulleres diagnosticadas fóra do mesmo.

Os responsables do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama en Lugo amosáronse moi satisfeitos pola gran resposta que ten este programa entre as mulleres da provincia, xa que indica que a poboación é cada vez máis consciente da necesidade de realizarse revisións periódicas para ter un diagnóstico precoz, o que redunda na diminución da morbilidade causada por esta patoloxía.

Infraestrutura

Na provincia de Lugo, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama conta con tres unidades de exploración fixas, que se emprazan en Lugo, no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos e no Hospital da Costa, estas dúas últimas creadas hai algo máis de dous anos e que substituíron ás unidades móbiles, co obxectivo de aumentar a súa calidade e actualización tecnolóxica. Estas unidades fixas aportan un servizo de maior calidade, con maior confort e intimidade para as pacientes. Nelas realízanse as exploracións mamográficas. A proba básica consiste na realización de dúas mamografías por mama.

Xunto coas Unidades de Exploración, a estrutura do programa tamén está formada por Unidades de Avaliación Radiolóxica, nas que varios radiólogos realizan unha dobre lectura das mamografías de xeito independente, o que garante a calidade da avaliación realizada. As mamografías de cribado fanse nas Unidades de Exploración e logo remítense ás Unidades de Avaliación Radiolóxica para a súa dobre lectura por radiólogos.

Ademais, a Consellería de Sanidade conta con Unidades de Diagnóstico e Tratamento en todos os hospitais do Sergas, que están integradas polos servizos de radioloxía, cirurxía e/ou xinecoloxía dos hospitais públicos galegos. A estas unidades remítense as mulleres que necesitan facerse máis probas complementarias ou unha valoración clínica adicional para, deste xeito, chegar a un diagnóstico definitivo e tratamento, se procede.

Grazas á posta en marcha deste programa, a maioría dos casos de cancro de mama son diagnosticados de forma precoz, o que supón un excelente prognóstico, sobre todo no que se refire á eficacia dos tratamentos e ao aumento da expectativa de vida das mulleres con tumor.

Para ser citadas polo Programa, todas as mulleres reciben no seu domicilio, con 15 ou 20 días de antelación, unha carta personalizada, na que se inclúe o lugar, data e hora á que debe acudir para realizarse a exploración. Isto garante a axilidade na prestación do servizo, evitando esperas innecesarias. Así mesmo, existe un teléfono de atención ás usuarias (981 14 14 14) onde poden xestionar os cambios de cita cando o precisen. Deste xeito, e grazas tamén á posta en marcha das unidades fixas nos hospitais comarcais, poden adaptar a súa cita previa de acordo coas súas preferencias ou necesidades, ao non ter que restrinxir as posibilidades de atención aos días concretos que antes fixaba a estadía da unidade móbil nun determinado concello.

3 de xullo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.