A travesía a nado do porto de Vilaxoán celebrarase en setembro
A travesía a nado do porto de Vilaxoán, que na súa cincuenta e unha edición estaba prevista para esta fin de semana, queda aprazada ata primeira quincena de setembro. Así o decidiu a Asociación Marítima e Cultural de Vilaxoán, que organiza a proba coa colaboración da Fundación de Deportes do concello, despois do comunicado recibido dende a Federación Galega de Natación. Na misiva, o órgano deportivo di ter moitas dificultades para dar cobertura á proba vilaxoanesa nas datas previstas, ao coincidir co Campionato Galego Infantil a celebrar en Pontevedra.
Ademais de que os nadadores infantís interesados en competir en Vilaxoán non poderían facelo, tamén habería problemas para cubrir todas as prazas de árbitros e anotadores. Así pois, e dado que a partir de agora aínda haberá máis probas, coincidindo coas vacacións estivais, todas as partes implicadas decidiron aprazar a proba vilaxoanesa ao mes de setembro.











