A Tonecho Lorenzo o corazón pídelle Rio Natura Monbus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O corazón das grandes lendas obradoiristas tamén pide Rio Natura Monbus. Proba diso é Tonecho Lorenzo, que un ano máis renovou os seus abonos para asistir ao Fontes do Sar a ver xogar aos de Moncho Fernández.

Tonecho afirmou estar satisfeito co desconto do 30% recibido por ser accionista: “Ademais de axudar ao club no seu día, compensa na rebaixa dos abonos que levo gozando até agora e que aínda me queda por gozar o ano que vén”. Tamén considera que a promoción “Trae a un amigo” é “boa para os abonados e boa para a estabilización do club e o aumento da súa masa social”.

“En Santiago e arredores queda pouca xente que non coñeza o ambiente e a importancia do equipo, xa que a pesar de que sexa un club profesional, o seu espírito segue sendo familiar”, afirma o ex xogador. “É verdade que os tempos económicos son difíciles, pero para ter baloncesto de elite en Santiago, é necesario que cada un dentro das súas posibilidades faga un esforzo por facerse socio”, animou Lorenzo.

Deportivamente, Tonecho confía no futuro equipo e valora ás catro novas fichaxes: “As referencias que teño de todos eles son moi boas”. Engade que “aínda que o que máis queixume é que Oriol Junyent non poida seguir este ano connosco, a renovación de Rafa Luz é importantísima e tamén a continuidade de Alberto Corbacho. Con respecto ao que falta aínda, hai que confiar na man de José Luís Mateo e Moncho Fernández”.

18 de xullo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.