A Ruta Atlántica da Travesía Náutica Xacobea chega ao Real Club Náutico de Portosín
As embarcacións da Ruta Atlántica da Travesía Náutica Xacobea recalan esta tarde no Real Club Náutico de Portosín. Dende alí, os tripulantes realizarán as últimas etapas para a súa chegada a Padrón a través da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla.
Ás 33 embarcacións -procedentes de Irlanda, Francia, Inglaterra, Bélxica e España, entre outros países- que participan na Ruta Atlántica desta travesía sumáronse no porto de Ares dúas goletas clásicas, a Nieves 4 e a Nauja, fletadas pola Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA)
Na travesía que percorre a Ruta Mediterránea participan 7 embarcacións e 39 tripulantes. Preto de 240 navegantes entre as dúas tripulacións sucan a costa en ambas direccións con destino ás Rías Baixas.
Os tripulantes da Ruta Atlántica serán recibidos esta tarde á súa chegada ao porto de Portosín. Dende onde partirán cara Ribeira para completar a penúltima etapa.
Mentres, desde Portugal achéganse as embarcacións que realizan a Ruta Mediterránea, tras completar o domingo a etapa que finalizou en Porto e tras percorrer Cangas e a Ría de Vigo. Hoxe trasládanse a Portonovo, onde recalarán ata o venres día 11 e dende onde partirán para percorrer a última etapa da travesía ata Cabo de Cruz.
Dende a Ría de Arousa todos os tripulantes percorrerán a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla en catamarán ata Padrón, dende onde se realizará un último tramo a pé ata Santiago.
Os tripulantes da Ruta Mediterránea recalaron en Galicia para concluír a travesía que partiu de Xénova e xa visitou os portos de Toulon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Punta Umbría, Sines, Cascais e Porto.
A Primeira Travesía Náutica Xacobea está organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga no marco das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
A ruta mediterránea percorrerá 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz.
A Dirección Xeral de Xuventude participa tamén na iniciativa a través das actividades da Campaña de Verán para a mocidade galega. Así unha das goletas que completará o percorrido atlántico será a Goleta Nieves, na que a Xunta ofreceu 25 prazas a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos; “tripulantes” aos que neste caso non se lles esixe coñecementos náuticos e que, ao tempo que gozan da navegación, aprenderán algunhas das tarefas que se levan a cabo nunha embarcación de vela de gran eslora.
Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA (Asociación de Clubs Náuticos de Galicia) co obxecto de rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.











