publicidade hoxe

A reforma do firme da antiga estrada da Fonsagrada conta cun investimento de Medio Ambiente por valor de 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLugo
A-
A+
Raquel Arias na visita ás obras na Fonsagrada

Raquel Arias na visita ás obras na Fonsagrada

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, revisou hoxe o inicio das obras de mellora da estrada da Fonsagrada, a LU-106, antigamente denominada LU-530, que resulta a saída natural dende o concello de Lugo á zona da Montaña lucense.

A actuación de mellora desta vía desenvolverase durante as próximas semanas nun tramo de tres quilómetros que comeza na zona de Romeán, a cabalo entre o municipio de Lugo e o de Castroverde, segundo explicou Arias, que indicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) inviste preto de 100.000 euros neste proxecto.

Arias, acompañada por técnicos do departamento de CMATI, expuxo que os traballos afectan a un treito que se corresponde con parte do trazado da LU-106 e suporán a mellora do firme desta estrada, a limpeza de marxes e apertura de cunetas.

A obra incrementará notablemente as condicións e a seguridade dos usuarios da vía, na que se actuará en todo o ancho da calzada, xa que se contempla a remodelación da capa de rodadura a través dun tratamento con dobre rega asfáltica ao longo dos tres quilómetros sinalados e nun ancho de seis metros. As obras está previsto que estean rematadas na segunda metade do mes de agosto.

Este tramo da estrada LU-530 presenta zonas de firme con deficiencias e cun deterioro visible, polo que se fai precisa unha actuación deste tipo, que ven a completar outras obras de mellora que se realizaron nesta mesma estrada nos últimos meses e nas que se investiron case 450.000 euros.

A delegada territorial subliñou que o proxecto “mellora sensiblemente as comunicacións para os veciños e usuarios da área afectada, na que se inclúen e incidirá especialmente na seguridade viaria dos usuarios”.

Arias destacou o esforzo que está a realizar o goberno da Xunta na mellora da rede autonómica de estradas, “un impulso ás obras de infraestrutura –explicou- que persigue o dobre obxectivo de mellorar as dotacións das nosas vilas e pobos e procurar o mantemento do emprego nas empresas do sector a través de proxectos públicos”.

15 de xullo de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.