A reforma da rúa Pino permite xerar máis de 4.000 metros cadrados de espazos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio de Labañou, onde o Concello, a través da Concellaría de Infraestruturas, concluíu as obras de reforma da contorna da rúa Pino, un proxecto que contou cun investimento de case 200.000 euros e que permitiu xerar 4.290 metros cadrados de espazos públicos de calidade para os veciños.

Dentro do plan de rehabilitación de espazos públicos, o departamento de Infraestruturas finalizou os traballos de recuperación de 4,290 metros cadrados na contorna das rúas Pino e Canteira, entre Labañou e Os Rosales. O alcalde sinalou que, cun investimento final de 198.319 euros, o Concello segue adiante co seu compromiso de ofrecer espazos públicos de calidade aos veciños -neste caso, beneficia de maneira especial aos residentes de Labañou e Os Rosales-.

Carlos Negreira explicou que o proxecto incluíu a renovación de beirarrúas para mellorar a mobilidade peonil; a colocación de 15 prazas de aparcadoiro en liña; a limpeza e roza da capa vexetal, o que permitiu a realización de gabias para unha nova canalización de pluviais e abastecemento de auga -conectada coa rede xeral- e unha nova rede de iluminación pública; e a substitución e retranqueo da liña de baixa tensión aérea por outra subterránea. Ademais, a Concellaría de Infraestruturas aproveitou para crear unha pradaría, plantar lagunarias, limpar o arboledo existente e colocar novo mobiliario urbano.

O alcalde coruñés sinalou que a obra da rúa Pino súmase a outros proxectos desenvolvidos por este equipo de goberno nos barrios de Labañou e Os Rosales e a súa contorna, entre os que destacan:

– A creación do parque de Adolfo Suárez, unha obra en San Pedro de Visma que permitirán contar con 70.000 metros cadrados de espazos verdes.

– A adxudicación de 15 novas vivendas municipais para as familias con menos recursos no Grupo de Vivendas da Carmen (Labañou) e que se suman aos 58 que xa se adxudicaron en 2012 -por primeira vez adxudícanse por convocatoria pública para familias con dificultades para acceder a un piso en aluguer-.

– A apertura ao público das baterías do Monte de San Pedro a través dun programa de visitas guiadas.

– A renovación das instalacións deportivas da nosa Señora da Carmen.

– Melloras na iluminación pública de Labañou e Os Rosales na estrada dos Fortes e a praza Elíptica, coa instalación de 53 luminarias nas sendas e, para os espazos verdes e as zonas de xogos, 46 proxectores.

COMERCIO

O alcalde tamén destacou que a decisión do Goberno central de incorporar a cidade de A Coruña ás zonas de especial afluencia turística -é a única urbe galega que logrou esta declaración- é unha “oportunidade para mellorar as cifras de turistas, cruceiros e do pequeno comercio”.

Carlos Negreira sinalou que a aplicación desta medida impulsada pola administración central desenvolverase da man das asociacións de comerciantes da cidade, coas que o Concello xa mantivo unha reunión de traballo o pasado venres: “Queremos recuperar o comercio coruñés, que é pioneiro en Galicia. Entre todos, temos que aproveitar esta oportunidade para mellorar a regulación do sector e para que o noso comercio de proximidade brille cada vez máis”, concluíu o alcalde.

7 de xullo de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.