A Rede de Innovación de Arteixo valora como optimizar os procesos de negocio a través de solucións TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A conferencia dirixida ao sector industrial-manufactura “A mellora dos procesos de negocio a través da incorporación de solucións TIC” (mañá xoves 31, 10.00 a 12.00 horas) será o último taller incluído no calendario da Rede de Innovación de Arteixo antes do descanso estival de agosto. O prazo de inscrición permanece aberto no correo electrónico RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou no formulario online da web http://www.eoi.es/fdi/arteixo.

Os avances tecnolóxicos e a sofisticación dos sistemas de xestión sufriron notables avances converténdose en potentes ferramentas que facilitan e optimizan o traballo de grandes e pequenos empresarios xa que integran multitude de actividades baixo unha única aplicación. Desta forma, todas as tarefas do día a día da empresa como facturación, pedidos, albaranes, produción, actividades de mercadotecnia (a través dos CRMs), quedan recollidas nunha única contorna integrada de xestión que permiten coñecer mellor o propio negocio e ao cliente.

Durante este taller resaltaranse as vantaxes e oportunidades deste tipo de sistemas para pemes, detallando as aplicacións sectoriais e expondo casos prácticos de aplicación. A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello, a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria.

As dúas accións deseñadas para cumprir este obxectivo son un amplo programa de talleres sectoriais abertos a toda a poboación, que se retomarán en setembro, e 80 asesorías individuais para pemes, emprendedores e asociacións de empresarios. Todos os beneficiarios deste último servizo elaborarán o seu propio Plan de Reconversión Empresarial que os axudará a aumentar a competitividade do seu negocio.

30 de xullo de 2014 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.