A Rede de Innovación de Arteixo analiza o éxito do corredor de bolsa Josef Ajram
“Non sei onde está o límite, pero si onde non está”. Esta é quizais una das frases polas que máis se coñece a Josef Ajram e que precisamente dá título ao último dos seus catro libros. Compaxina dúas profesións aparentemente opostas, corredor de bolsa e “ironman” (participou en varios tríatlons extremos) que, con todo, ofrécenlle “sensacións límites que reclaman constancia, dinamismo, disciplina e cálculo para medir posibilidades”. Como el mesmo afirma na súa biografía “confío máis na disciplina e no cálculo que no azar”. O taller da Rede de Innovación previsto para este venres 11 trasladarase ao Campus IFFE (Pazo das Cadeas. San Pedro de Nós. NVI, Km 586. 15173 Oleiros). Durante a actividade, dividida en xornada de mañá (10.00 a 11.00 horas) e tarde (15.30 a 16.30 horas) abordaranse temas como a boa xestión da imaxe de marca para situar un produto ou servizo no mercado, as aptitudes e actitudes que caracterizan a un líder, así como as tácticas máis exitosas para a implementación dunha estratexia de posicionamento eficaz.
Este taller enmárcase dentro do itinerario sectorial Comercio e servizos, estando aberto a calquera profesional ou persoa con intereses na temática. Sesión sobre protección industrial Por outra banda, o taller do xoves 10 (16.00 horas), estará dedicado a un tema capital para calquera empresario ou peme como é a protección da propiedade industrial. Coñecer os seus dereitos, sinala o relator Manuel Alcázar, socio fundador de Alcázar Avogados, é básico para poder preservar patentes e marcas fronte a terceiros. Doutra forma, sempre existirá o risco de perder desde o nome dun negocio, ao capital investido, a calidade e a propia imaxe. “Non preocuparse deste tema é como comprar un piso sen escrituras”, exemplifica.
A actividade denominada “Que non me copien! A protección da innovación e as diferentes figuras xurídicas” endrá lugar no Centro Arteixo Innovación. Está incluída no itinerario denominado Solucións Tecnolóxicas e dirixido, por tanto, a todos os profesionais e sectores produtivos de Arteixo, así como a veciños e interesados en xeral. Os interesados en ambas as sesións, de carácter gratuíto, poden apuntarse na sección Axenda da web http://www.eoi.es/fdi/arteixo/axenda. A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria). As dúas accións organizadas para cumprir este obxectivo son un amplo programa de talleres sectoriais abertos a toda a poboación e 80 asesorías individuais para pemes, emprendedores e asociacións de empresarios. Toda a información sobre a Rede de Innovación de Arteixo está dispoñible no site www.eoi.es/fdi/arteixo e nas redes sociais Facebook, Twitter e Linkedin.











