A Rede de Innovación de Arteixo analiza as posibilidades de negocio da produción ecolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

Da man do secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Javier García Lozano, a Rede de Innovación de Arteixo aborda o sector da produción ecolóxica e as posibilidades de negocio que aínda pode xerar este sector en expansión. Tal e como sinala o relator, o ecolóxico é un mercado aínda en fase de crecemento, que non está saturado, e ao que queda un percorrido dunhas dúas décadas. García Lozano estará acompañado polo propietario de Meles Anta que presentará a súa empresa como caso de éxito. Con sedes no concello lucense de Samos e no polígono da Grela, Meles Anta está certificada co selo de Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, ademais de ter inscritas parte das súas colmeas no Craega.

Os interesados en asistir a este taller que leva por título “A agricultura ecolóxica: análise de tendencias no sector agroalimentario” (de 12.25 a 14.00 horas) poden apuntarse na sección Axenda da web www.eoi.es/fdi/arteixo. Antes desta actividade, o Centro Arteixo Innovación acollerá entre as 10.00 e 11.40 horas o taller experimental dirixido ao sector téxtil e confección “Innovacións tecnolóxicas no sector téxtil: melloras nos sistemas CAD/CAM”. O relator invitado para analizar tendencias na aplicación destas tecnoloxías e o seu uso por emprendedores e pemes é Francisco Aguiar, responsable comercial a empresa Gerber Technology. A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria. As dúas accións organizadas para cumprir este obxectivo son un amplo programa de talleres sectoriais abertos a toda a poboación e 80 asesorías individuais para pemes, emprendedores e asociacións de empresarios.

21 de xullo de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.