A Rede de Innovación de Arteixo aborda a través do almacén 2.0 o futuro da loxística
Os avances tecnolóxicos e a sofisticación dos sistemas de xestión permitiron nos últimos anos a integración de moitas das actividades que a empresa realizaba de maneira independente en plataformas únicas de xestión. Os sistemas integrais, como os ERP, convertéronse en potentes ferramentas que facilitan o traballo de autónomos, pemes e grandes empresas, integrando multitude de actividades baixo unha única aplicación. Actividades de mercadotecnia, facturación electrónica, domiciliación de recibos, comercio electrónico, xestión do coñecemento ou mobilidade, entre outras, quedan recollidas nunha única contorna integrada de xestión. Domingo Cabarcos e Ramsés González, responsables da empresa Distrito K, dirixirán o taller experimental “Mellora os teus procesos de xestión a través das ferramentas TIC” durante o que se resaltarán as vantaxes e oportunidades deste tipo de sistemas para grandes e pequenos empresarios.
Detallarán así mesmo aplicacións sectoriais e exporán casos prácticos de uso. A actividade dará comezo ás 10.00 horas no Centro Arteixo Innovación, sede na que tamén terá lugar o taller vespertino. Almacén do s. XXI Os avances tecnolóxicos no campo da loxística foron moi intensos nos últimos anos. O almacén intelixente, os sistemas de reconto e trazabilidade ou as actividades de picking permiten manter a integración total da cadea loxística en calquera sector, facilitando todas as actividades vinculadas á xestión e automatizando en gran medida todos os procesos.
O obxectivo da conferencia “A loxística intelixente no sector industrial. O almacén 2.0” será analizar con detalle todas as solucións tecnolóxicas aplicables ao almacén do s. XXI, indagando ao mesmo tempo nas tendencias dos próximos anos. O taller estará dirixido por Alejandro Dez, responsable comercial de Mecalux, entre as 16.00 e as 18.00 horas. A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de dinamización empresarial promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial, e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria. As dúas accións organizadas para cumprir este obxectivo son un amplo programa de talleres sectoriais abertos a toda a poboación e 80 asesorías individuais para pemes, emprendedores e asociacións de empresarios.











