A provincia de Ourense conta coas primeiras rutas BTT por etapas de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesOurense
A-
A+
Presentación das rutas BTT 'Tracks de Ourense'

Presentación das rutas BTT ‘Tracks de Ourense’

A provincia de Ourense é a primeira de Galicia en contar coas primeiras rutas de bicicleta de montaña (BTT) por etapas “Tracks de Ourense”, as cales, ao longo de máis de 350 quilómetros, discorren por 21 concellos, co obxectivo de fomentar o deporte, o turismo de natureza e a promoción termal, gastronómica e cultural da provincia.

A presentación desta inicaitiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa participación do asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández; do responsable de Tracks de Ourense, Raúl Fernández; do representante comercial de Oca Nova Manzaneda, Luis Ignacio Pereira; da xerente do Consorcio do Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, e do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

César Fernández explicou que este evento “une ao deporte a posibilidade de coñecer o patrimonio natural da nosa provincia, algo que a Deputación apoia polo que significa de potenciar e difundir as trazas de identidade que singularizan a Ourense, como son o termalismo, a nosa paisaxe, a riqueza patrimonial e a nosa cultura”.

Pola súa banda, Raúl Fernández afirmou que as rutas teñen dous percorridos diferentes: de 3 e de 6 días, a primeira delas, habilitada todo o ano, de 105 quilómetros percorrendo a Ribeira Sacra, os Milagres e o Val de Maceda; mentres que a segunda, a máis esixente dende o punto de vista deportivo, ten 250 quilómetros de percorrido e discorre por 21 concellos da provincia de Ourense, habilitada para realizarse entre os meses de marzo e novembro, xa que ao discorrer por zonas de montaña non se pode realizar nos meses de inverno. Ámbalas dúas rutas están incluídas nas rutas tracks nacionais.

Alexandra Seara cualificou esta iniciativa como “unha complementariedade importante para darlle un pulo turístico á Ribeira Sacra, pois permite dinamizar as infraestruturas de aloxamento que temos nesta contorna (70 establecementos) para acadar o que pretendemos que é que o turista alongue a súa estancia cada vez que nos visita”. Asemade, Luis Ignacio Pereira, representante de OCA Nova Manzaneda, agradeceu que se conte coa estación de montaña dende o punto de vista do aloxamento, “o que complementamos con actividades deportivas e de aventura”.

Os interesados en informarse e inscribirse nestas rutas tracks de Ourense pódeno facer a través da web: www.tracksdeourense.com, ou ben no teléfono 616 667 446. As rutas está organizadas por Bilurico Bike coa colaboración da Deputación de Ourense, O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e OCA Nova Manzaneda.

15 de xullo de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.