A programación de xullo do teatro Colón péchase con ‘Lo que vio el mayordomo’ e o Festival de Folclore
O Teatro Colón despide a programación de xullo este domingo 20 co Festival Internacional de Folclore no que participaran cinco grupos de distintas procedencias. O sábado 19 o público coruñés terá unha nova oportunidade para gozar coa comedia negra Lo que vio el mayordomo en función dobre, ás 20.00 e ás 22.30 horas.
Metrópolis Teatro leva a escena Lo que vio el mayordomo baixo a dirección de Joe O’Curneen e a partir dunha versión do texto de Julio Escalada e Tomás Gayo. Pep Munné, Lola Marceli, Paco Churruca, Mundo Prieto, Carmen Barrantes e Raúl Mérida dan vida aos personaxes de Orton. A acción ten lugar na clínica dun psiquiatra que entrevista a unha moza para un posto de secretaria, o médico acaba por interesarse por algo máis que as capacidades laborais da moza e pretende sometela a unha extravagantes probas físicas. Cando xa comezou o disparatado test entra de súpeto na consulta a señora Prentice que ven de pasar a fin de semana cun colectivo de lesbianas. Este ton disparatado co que comeza a obra mantense durante as dúas horas de función, nas que os seis personaxes nos conducen a unha escalada de absurdas situacións, non exentas de crítica social, motivadas polo infalible recurso cómico do quid pro quo.
O Festival de Folclore pecha a programación ata o 8 de agosto
O domingo 20 pechamos a programación de xullo co Festival Internacional de Folclore no que participan cinco grupos procedentes de Costa Rica, Chile, Eslovaquia, Euskadi e Galicia. Organizado polo Padroado de Cultura do Concello de Narón este festival trata de amosar distintas culturas e tradicións folclóricas, tanto do estado español coma de fóra. Con esta función pechamos a programación de xullo ata o vindeiro venres 8 de agosto no que volverá a actividade ao escenario do Colón con Resofocos –a continuación do éxito Sofocos-. A programación de agosto complétase coa proposta de Bertín Osborne e Paco Arévalo El renovado show de dos caras duras en crisis e coa obra de teatro Enfrentados, que ten a Arturo Fernández como protagonista.
A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











