A produción ecolóxica da comarca organízase nunha nova asociación con sede en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Cooperativa de consumo responsable A Xoaniña apadriña a creación dunha asociación coa que se busca organizar a produción agroecolóxica das comarcas de Ferrol, o Eume e Ortegal. A iniciativa, na que colabora o Concello de San Sadurniño, busca satisfacer as necesidades dos labregos e labregas no que se refire a asesoramento e formación. Porén, a asociación tamén pretende ser unha plataforma para facilitar a comercialización das producións ecolóxicas locais. 

A entidade xa ten estatutos e unha xunta reitora provisional. Prevese que á volta do verán se elixa a primeira directiva da agrupación, que xa desde os seus comezos conta reunir máis dunha trintena de produtores e produtoras. 

A finalidade da asociación será a de ofrecer asesoramento no tratamento dos problemas puntuais propios da actividade agroecolóxica, e tamén a creación de recursos para a formación continua dos asociados, dirixíndose tanto a produtores profesionais xa con experiencia no sector como ás novas iniciativas agroecolóxicas locais que están a agromar na bisbarra nos últimos meses.

De feito, nas xuntanzas que houbo desde comezos de ano participaron persoas de todos os concellos da volta, desde Ortigueira ata Vilarmaior. Nestes momentos hai arredor de 30 produtores e produtoras con interese en integrarse no proxecto con sede social en San Sadurniño. Na súa maioría posúen leiras destinadas a horta, aínda que tamén existen pequenas plantacións froiteiras. Agárdase, ademais, que tamén entren formar parte da asociación experiencias gandeiras, como poden ser a crianza de aves, o ovino ou o vacún para leite e carne.

Entre os cometidos da nova organización está o de estruturar unha produción axeitada á demanda comarcal de alimentos de alta calidade e conseguidos con prácticas sustentables desde o punto de vista ambiental e social. Neste sentido quérese que a asociación chegue a ser unha plataforma de comercialización estable e adaptada aos ciclos naturais, de aí que unha das primeiras actuacións que se levarán a cabo será a planificación das producións dos asociados para que sexan capaces de atender as demandas dun mercado de proximidade en constante crecemento

17 de xullo de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.