A praia de Bamio volve a ser apta para o baño despois dun vertido de augas residuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A praia do Campanario, en Bamio, volve a ser apta para o baño despois de que a Consellería de Sanidade comunicara a última hora da mañá de hoxe que a análise das mostras tomadas onte confirmaran que as augas teñen parámetros normais e, polo tanto, dáse por superado o episodio de contaminación debido a un vertido de augas fecais ao río. O vertido tivo a súa orixe nun antigo pozo de bombeo emprazado preto do centro do ISM. Para evitar que isto se volva a producir os servizos municipais instalaron sendas bombas novas tanto en Bamio coma en Carril, de xeito que a circulación das augas residuais teñan garantida a súa circulación ata a rede de Vilagarcía e de aí á depuradora.

Da contaminación tívose coñecemento o mércores 9, cando así o comunicou a Consellería de Sanidade despois da análise das mostras tomadas o día 7. Inmediatamente se procedeu como ordena o protocolo nestes casos, é dicir, arribar a bandeira azul e instalar carteis recomendando que o público non se bañara. Ao tempo, os servizos municipais comezaron a busca da causa do vertido e adoptaron as medidas de corrección, mentres se ordenaban novas análises. A causa do vertido foi solucionada e as análises de hoxe confirmaron que, en efecto, a contaminación cesara.

O Concello é o primeiro en lamentar o ocorrido, pide disculpas polos trastornos que se puideron causar, especialmente aos que son asiduos deste areal, e confía en que, coas medidas adoptadas, este episodio non se reproduza e, polo tanto, a praia do Campanario continúe ofrecendo os altos estándares de calidade e de servizos que certifican a concesión dunha bandeira azul.

11 de xullo de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.