A posta a punto das praias de Vilagarcía remata para abrir oficialmente a temporada de verán
O Servizo de Medio Ambiente remata hoxe os traballos de posta a punto anual das praias polo que os tres areais do municipio se atopan xa en perfecto estado para inaugurar a temporada de verán que oficialmente comeza hoxe, 1 de xullo. Aparte das tarefas de mantemento habituais, tamén está xa organizado o servizo de vixilancia e socorrismo para prestar servizo tanto nas praias galardoadas coa Bandeira Azul (Preguntoiro-Vilaxoñán e O Campanario-Bamio), como na da Concha-Compostela.
Os últimos días, os servizos de Medio Ambiente, Obras e Alumeado do Concello levaron a cabo diversos traballos de mantemento nas praias. Na de Bamio, por exemplo colocáronse novas papeleiras, instaláronse luminarias no paseo, restauráronse as mesas e bancos da zona verde, colocouse a pasarela para acceso de minusválidos e se limpou todo o contorno do areal; ademais dos habituais traballos de reparación de baños e duchas.
Na zona do Preguntoiro tamén se colocaron máis papeleiras e se instalou a rampla para facilitar o acceso dos minusválidos ao areal. E na Concha-Compostela, estase rematando a supervisión de pasarelas, duchas e lavapés, a efectos de concluír as reparacións que sexan oportunas.
En canto ao servizo de vixilancia nas praias, os 11 socorristas seleccionados polo Concello a través do Plan de operación, asinaron onte os contratos polo que xa están dispoñibles dende hoxe. Aínda que o tempo non acompaña para gozar do baños nas praias de Vilagarcía, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil xa ten organizado o traballo nos puntos de socorro das tres praias. Os vixilantes operarán a diario (de luns a domingo) na Concha-Compostela, O Campanario e O Preguntoiro de 12 a 20 horas, nunha única quenda que de xeito ordinario cubrirán dúas persoas nos areais de Bamio e Vilaxoán, e 3 ou 4 no da Concha-Compostela, cuxa extensión é moito máis ampla que as anteriores.
Os días festivos e fins de semana, o servizo poderá reforzarse co persoal de apoio de Emerxencias e protección Civil, así como cos propios socorristas contratados que compensarán deste xeito, os días sen servizo por causas de choiva o mal tempo.











