publicidade hoxe

A Policía Local de Teo realiza un taller de seguridade viaria para Aspamite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A policía local de Teo realiza esta semana un taller de seguridade viaria para persoas con discapacidade dirixido a Aspamite, a Asociación de pais de minusválidos de Teo. Trátase de traballar con eles en conceptos moi básicos sobre as normas de seguridade á hora de saír da casa, usar o transporte público, manexarse nun entorno urbano.

A sesión celébrase este xoves 10 de xullo a partir das 16:30 horas. Comezará cunha parte teórica na que os axentes explicarán apoiados en material visual elementos sinxelos sobre seguridade viaria. Nesta primeira hora explicaráselle aos participantes a importancia de saír con identificación da casa, con teléfono mobil para estar localizado, coas chaves do domicilio, ademais de explicarlle como se usa o transporte público… A idea é que gañen en autosuficiencia para facer percorridos habituais.

A continuación o grupo, formado por algo máis de vinte persoas, acompañarán aos axentes á urbanización Campos de Mirabel, situada detrás do local usado pola Asociación e farase unha sesión práctica. Nesta parte seguramente sexa cando os participantes entenderán dun xeito máis concreto as explicacións sobre normas de seguridade viaria. Nese entorno urbano vaise facer unha simulación e van coller un autobús, pasear pola rúa, usar un semáforo, cruzar por pasos de peóns…

Dende a policía local explican que a demanda deste taller xurde dende a propia asociación Aspamite, xa que non existe moito material ao que poidan acudir para traballar neste tema, a seguridade viaria para persoas con discapacidade intelectual e física.

Aspamite é unha asociación teense coa que o Concello colabora de xeito moi activo. Ademais de ter un local municipal cedido para o uso deste colectivo tamén se lle financia o traslado dos usuarios ao propio centro, ademais de colaborar subvencionando outro tipo de actividades como clases de ximnasia. Dende o Departamento de Benestar, a través do que se canaliza a colaboración con esta asociación cífrase en preto de 40.000 euros ó ano a aportación económica municipal. Dende o Concello tamén se asumen gastos correntes de luz e agua así como traballos de mantemento na sede.

8 de xullo de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.