A Policía Local de Santiago incorpora un novo vehículo policial para a investigación de accidentes de tráfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Novo vehículo de atestados

Novo vehículo de atestados

A Policía Local conta cun novo vehículo de atestados, co fin de facilitar a este Corpo a realización de controis e a instrución de dilixencias na rúa, ocasionando as mínimas molestias de desprazamento aos cidadáns. Aínda que, afortunadamente, nos últimos anos o número de accidentes descendeu notablemente, no ano 2013, a sección de atestados de Santiago elaborou 546 atestados por accidentes de circulación e 115 atestados por delitos contra a seguridade viaria, ademais da realización de todo tipo de controis de tráfico. Esta furgoneta estrea na nosa cidade a imaxe que unifica a rotulación de vehículos de Policía Local de toda Galicia, coa inscrición regulamentaria imposta pola Xunta de Galicia e co distintivo da Policía Local de Santiago de Compostela. O novo vehículo vén equipado, entre outra dotación, con luces destellantes, serea, mobiliario de oficina, conos, lanternas, etilómetro de precisión e caixa de primeiros auxilios.

Con esta adquisición mellórase o parque móbil da Policía Local de Santiago de Compostela, ao substituír o anterior vehículo, en uso dende 1998. Tamén permitirá mellorar a elaboración dos atestados de seguridade viaria na vía pública e contribuír ao incremento da seguridade no tráfico da capital de Galicia.

30 de xullo de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.