A planificación estival do Sergas no hospital do Salnés responde á demanda de servizos sanitarios públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A planificación estival do SERGAS no Hospital do Salnés está a respostar eficaz e eficientemente á demanda de servizos sanitarios públicos, segundo os datos oficiais que manexa a Administración Sanitaria galega.

Ditos datos de actividade estival revelan que o indice de ocupación do Hospital do Salnés durante o mes de xullo -xa co terceiro andar inactivo- está a ter unha media diaria de 29 camas libres, o que reflicte unha ampla dispoñibilidade e unha xestión axeitada das infraestructuras hospitalarias do centro sanitario de Ande-Rubiáns.

Así mesmo, a media diaria de Urxencias atendidas durante o presente mes de xullo no Hospital do Salnés atópase nas 88 asistencias deste tipo.

Garantía de asistencia sanitaria de calidade en Arousa

Coas devanditas cifras, o SERGAS insiste na incuestionable garantía de asistencia sanitaria de calidade en Arousa que xera o hospital do Salnés, corroborada pola confianza -diaria e consolidada- da poboación neste centro. Esta realidade contrasta coa existencia de pequenos colectivos de “novos expertos en asistencia sanitaria” que pretenden desprestixiar a Sanidade Pública nesta comarca, cuestionando sistemáticamente a súa operatividade asistencial.

No que atinxe ás tan insistentes coma demagóxicas críticas sobre a demanda de camas, compre subliñar de novo que, no eido hospitalario actual, hai moitos aspectos que definen a calidade asistencial: o trato do persoal, a calidade dos profesionais, a equidade na prestación, a atención integral por procesos, a reducción de ingresos e estadías innecesarias, a potenciación dos procesos ambulatorios etc. Todos estes e outros moitos parámetros son pezas que a Administración Sanitaria galega está a manter e potenciar en Arousa.

Firme compromiso coa ampliación do Hospital do Salnés

Nesta liña de potenciación, a Administración Sanitaria galega lembra o seu firme compromiso coa ampliación do Hospital do Salnés, anunciada en pasadas datas por un importe máximo de 9.752.005 euros.

Dita obra de ampliación suporá a construción dunha nova infraestrutura que afectará a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2(dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma), e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de urxencias e ao bloque obstétrico.

14 de xullo de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.