A película Encallados pon en marcha de novo o proxector do Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O Teatro Colón volve a programar cine e faino coa proxección do último traballo de Alfonso Zarauza. A película poderá verse este xoves 10 ás 20.30 horas e supón a volta do cine ao Teatro Colón, un espazo no que historicamente a sétima arte tivo un papel fundamental. Así o expresou  Alicia Arias Raposo, programadora de cine do espazo coruñés, ‘o cine tivo moita importancia no Teatro Colón, queremos que volva recuperar o protagonismo’.

Encallados é unha película sobre a imposibilidade de facer unha película, cine dentro do cine é a proposta de Alfonso Zarauza que destacou o carácter próximo da proposta ‘queremos recuperar o cine de proximidade, no centro da cidade. Estamos moi orgullosos de que o Colón escollese esta película para abrir a programación’. A proxección do xoves contará coa presenza do equipo artístico e con músicos en directo que interpretarán a banda sonora do filme. Este evento conta co patrocinio de Superbock Negra Sin e o Teatro Colón puxo en marcha unha promoción especial para tratar de incentivar a venda anticipada, as persoas que adquiran dúas entradas para a proxección de Encallados antes do xoves 10 levarán de balde un pack de Superbock Negra Sin.

O filme de Alfonso Zarauza está rodado en formato 16 milímetros e en branco e negro, narra a historia dun director que lle encarga a dous amigos guionistas un filme sobre a catástrofe do Prestige con moi poucos recursos económicos e nun prazo de tempo moi limitado. Os tres acaban, como o propio petroleiro, encallados ante a imposibilidade de levar a cabo a súa historia. Un traballo honesto, autocrítico e cunha mirada chea de humor arredor do cine e da sociedade actual. Zarauza destacou as múltiples lecturas que ten este traballo ‘ten moitas capas, a localista, a universal. É unha película moi libre e fresca, non está nada encorsetada. A película nace dunha crise creativa, a partir dun traballo de honestidade intentamos facer algo fermoso’. Despois da proxección deste xoves a película continuará a súa presentación por distintas vilas galegas, e en outono fará o propio nas cidades de Madrid e Barcelona. .

A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense  adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.

8 de xullo de 2014 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.