A paixón do tango e as aventuras de Pippa chegan ao Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O venres 4 de xullo ás 20.30 horas o Quinteto Nuestro Tiempo trae ao Colón toda a forza do tango co espectáculo de música e danza en directo Tango Nuestro. E o sábado 5 ás 18.00 horas volven as aventuras de Pippa no espectáculo infantil La Kalabaza de Pippa. Trompetto y las nieves del Bolshoi.

Trompetto y las nieves del Bolshoi é un espectáculo musical especialmente indicado para nenos de entre 2 e 10 anos. Trátase dunha aventura narrada a modo de fábula que ten a Pippa como protagonista e que promove valores como a amizade, o respecto polos maiores e a importancia de ter unha alimentación equilibrada e practicar exercicio físico.

Cargado de imaxinación, dinamismo e colorido Trompetto y las Nieves del Bolshoi é un espectáculo que consigue captar a atención de nenos e adultos cunhas cancións e coreografías frescas, pegadizas e divertidas. Un espectáculo que conta coa implicación do público que interactúa cos sorprendentes personaxes do fantástico mundo da Kalabaza.

O Quinteto Nuestro Tiempo amósanos toda a forza do tango

O venres 4 o Quinteto Nuestro Tiempo subirase ao escenario do Colón co espectáculo Tango Nuestro, a través do que nos achegan as harmonías, o estilo, a música e por suposto o baile deste clásico xénero. A agrupación fórmana os músicos Matías González (bandoneón), Vera Pavlova (piano), Marcelo González (violín), Adalberto Cevasco (baixo eléctrico), Guillermo Bazzola (guitarra eléctrica) e os bailaríns Leonardo Mosqueda e Carina Lucca.

O Quinteto Nuestro Tiempo esta especializado na música de tango contemporáneo, especialmente na obra do seu principal referente Astor Piazzolla. Interpretan a tradición do xénero cun estilo particular, onde se perciben influencias do jazz ou da música clásica.

A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense  adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén nos despachos de billetes do Teatro Colón, do Centro Sociocultural Novacaixagalicia e na web de Servinova a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.

3 de xullo de 2014 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.