A oposición de Santiago presentará un contencioso electoral ante o TSXG polo goberno
Os voceiros dos grupos da oposición en Santiago de Compostela, Paco Reyes (PSdeG) e Rubén Cela (BNG), confirmaron que presentarán de “inmediato” un contencioso electoral ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como paso previo a recorrer ao Constitucional e co fin de que se pronuncien sobre a legalidade do goberno deseñado polo futuro rexedor, Agustín Hernández, toda vez que sete dos 13 concelleiros serán designados sen concorrer na candidatura.
En senllas comparecencias ante a prensa, explicaron que este paso se dá despois da resolución da Xunta Electoral Central que validou as credenciais dos nove concelleiros que tomarán posesión da súa acta, previsiblemente, ao inicio da semana que vén, e a cal non lles sorprendeu, xa que entenden que a este órgano non lle corresponde ditaminar sobre a constitucionalidade da elección, senón a validez conforme á Lei de Réxime Electoral Xeneral.
Mentres que Paco Reyes incidiu en que o artigo que permite o nomeamento directo de concelleiros que non foron nas listas se prevía como algo “excepcional” para casos de “illamento do terrorismo”, como así o argumentou a exposición de motivos da reforma da Loreg; Rubén Cela advertiu de que “non” vai permitir leccións” do PP sobre “responsabilidade”, cando son eles os “responsables” da situación da capital galega, con tres alcaldes nun mandato.
Deste xeito, Paco Reyes, que considerou que a resolución da JEC “entra dentro do esperado”, manifestou que os nove membros da lista que podían entrar na corporación renunciaron para dar paso aos non membros “por xenerosidade”, baseándose nas declaracións feitas por Hernández, polo que censurou este relevo sexa ou non baixo “presións” do partido.
ATRASOU “MÁIS” O PROPIO CURRÁS
O voceiro municipal socialista censurou esta actuación e preguntouse “qué decisión de asilar a terroristas se está a seguir” neste caso para nomear a sete concelleiros que non foron na candidatura de 2011, e ironizou con que ao goberno popular lle podería moitos cualificativos, pero non lle chamaría “terroristas” aos seus membros.
Así mesmo, Paco Reyes referiuse ás críticas realizadas polos diferentes dirixentes populares á oposición en relación aos recursos presentados pola oposición para advertir de que o tempo en que estivo Currás conformando goberno “sen o aval” do PPdeG, unha actuación que cualificou de “esperpento”, “atrasou máis (o novo goberno) que as alegacións do PSdeG, BNG e PP xuntas”.
O voceiro socialista tamén apelou ás palabras de Agustín Hernández, nas que dixo que “queda un día menos para que volva a normalidade” a Santiago, para incidir en que supoñen unha “rectificación” do dito con anterioridade polo presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, por asegurar que o Concello seguía funcionando.
“USO TORTICERO”
Pola súa parte, o voceiro do BNG en Santiago, quen tamén considerou que os nacionalistas son “conscientes” de que a JEC non lles ía dar a razón pero son pasos “previos” antes de chegar ao TC, confirmou un contencioso electoral e, a partir de aí, presentarase o Constitucional porque os nacionalistas consideran que se está a “facer un uso torticero dun subterfuxio electoral”, que se está a usar para facer un goberno “elixido a dedo”.
“Por primeira vez na democracia, pódese dar un goberno que non pasou polas urnas; para nós é fundamental aclarar isto, por responsabilidade e coherencia e o que non vou permitir é ningunha lección de responsabilidade do PP nin de Agustín Hernández”, manifestou Rubén Cela.
Neste sentido, incidiu en que “se alguén se comportou de xeito irresponsable e con consecuencias terribles para Santiago ese foi o PP”. Porque foi o que puxo a Gerardo Conde Roa e o seu equipo e foi o PP o que deu soporte, alento e apoio” ante as seis causas abertas e “foi o PP o que se negou a convocar eleccións anticipadas e porque foi o PP o que obrigou a que teñamos un terceiro alcalde”, agregou.
O dirixente nacionalista sinalou que o BNG “non está interesados en que se apliquen medidas preventivas”, senón en que “se resolva canto antes” o fondo da cuestión, porque “non sería bo que o día de mañá calquera veciño poida denunciar por ilegal calquera decisión da xunta de goberno por entender que está fraudulentamente constituída” e que iso orixine “certa inestabilidade dende a perspectiva” xurídica.











