A mellora da rede viaria local dos concellos lucenses xestionarase con 5,3 millóns de euros
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou hoxe “a importante aposta” que realiza a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, “por impulsar a mellora das dotacións viarias locais de todos os concellos da provincia de Lugo”.
Arias destacou que o Goberno galego xestionará 5.288.922 euros procedentes de fondos propios e fondos Feader para estas actuacións, o que representa o 75% dun convenio que, en conxunto suporá un investimento de 6,87 millóns de euros.
No devandito convenio, denominado Plan Marco, tamén colaboran o o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Deputación de Lugo na provincia lucense, que, en conxunto, aportan a dotación económica restante, correspondendo aos concellos o pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE) das obras respectivas que se realicen en cada localidade.
A representante do Executivo galego na provincia sinalou que “o obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que existen en determinadas zonas rurais”, para o que considerou que son os propios concellos quen mellor pode valorar as necesidades concretas en cada territorio.
O Plan Marco é un plan orientado a financiar actuacións en materia de desenvolvemento rural. O seu propósito é “levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural”.
Deste xeito, serán os propios entes locais os encargados da redacción dos proxectos. Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia, que, con carácter previo consensuou nos últimos meses os criterios de reparto económico coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Arias referiuse tamén a que “con esta financiación, todos os 67 concellos da provincia lucense estarán en disposición de contar cuns fondos preestablecidos para a mellora da rede viaria de titularidade municipal que sufriu estragos durante o duro inverno pasado”.











