A licitación da obra de sumidoiros de O Pereiro-O Pozo en Marín contará cun investimento de 522.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Marín

Cores Tourís na visita a Marín

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Marín para anunciarlle á alcaldesa do municipio, María Ramallo, a licitación publicada hoxe no DOG para a execución da rede de sumidoiros de O Pereiro-O Pozo, no que se investirán máis de 522.000 euros.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

Estas obras forman parte do convenio de colaboración para a mellora das infraestruturas hidráulicas do rural asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Marín e que contan cun orzamento global de 5,6 millóns de euros, dos que Augas de Galicia achega máis de 5,1 millóns e o 20% restante o propio municipio.

Este convenio, que foi asinado no 2010, establece a colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Marín para a execución de varios proxectos no rural por valor de 2.655.590 euros, financiados ao 80 por cento pola Xunta de Galicia e o 20 por cento restante polo concello. Ademais o acordo comprometía unha partida de ata 3.000.000 euros para a execución dunha obra para reducir a infiltración na rede xeral de Marín.

Estes proxectos encóntranse incluídos no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e teñen como obxectivo principal aumentar a extensión e eficacia da rede de saneamento do concello de Marín, ademais de mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra, ao evitar os vertidos ao río Loira.

Segundo lle trasladou Cores Tourís a María Ramallo, hoxe licitouse no DOG a obra da rede de sumidoiros en O Pereiro-O Pozo, que supón un investimento de 522.256 euros, e que permitirá a conexión dos núcleos de Pereiro e o Pozo, que actualmente non contan con servizo de saneamento á rede municipal de Marín.

As obras consistirán en 940 metros de colectores por gravidade e dous bombeos: un cunha capacidade de 3,5 litros por segundo, e outro de 11,8. Dende cada un dos bombeos partirá unha impulsión de 215 e 485 metros de lonxitude respectivamente.
José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita a Marín para anunciar tamén a alcaldesa o inicio doutra fase de obras deste convenio, neste caso a de beirarrúas e rede de sumidoiros en A Miñán-A Esperela. “Está previsto que os traballos comecen en agosto, xa que esta fase foi licitada e contratada”, engadiu o delegado territorial recordando que o orzamento concreto deste proxecto é de 866.493,57 €.

A alcaldesa de Marín, pola súa banda, agradeceu a colaboración da Xunta para “poñer en marcha proxectos tan importantes e de tanto investimento nunha época de crise como a actual. É unha alegría recibir novas coma ésta”.

En total as obras de infraestruturas hidráulicas proxectadas para acadar os fins que persegue o convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Marín son sete, contando coas de O Pereiro-O Pozo e A Miñán-Esperela. Así, nestes intres, o estado das outras cinco actuacións é o seguinte:

– Beirarrúas e rede de sumidoiros en Caños de Moledo (Loira): actuación xa rematada (539.143,11 €)
– Rede de sumidoiros en Pardavila Fixón: actuación xa rematada (179.078,63 €)
– Rede de sumidoiros en Cidráx: actuación actuación xa rematada (106.325,46 €)
– Agárdase que no presente ano, se liciten as dúas obras restantes: a mellora do colector xeral e nova impulsión en Marín, e que Augas de Galicia financiara ao 100 por cento cun orzamento de 2.819.248,08 euros, e o saneamento de Pereiro-Cadrelo (536.064,32 €).

Cores Tourís recordou que a Xunta aprobou recentemente unha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas -a través da sociedade pública de Augas de Galicia- e o Concello de Marín co obxectivo de modificar dito documento para que os traballos poidan continuar a executarse ata o 31 de decembro de 2015, “e deste xeito poidan executarse na súa totalidade”. De feito, esta addenda permite axustar as anualidades á execución das obras, tendo como consecuencia a ampliación do período de vixencia do convenio para manter o compromiso previsto de investimento.

2 de xullo de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.