A Laracha reforza a cobertura da recollida selectiva instalando 200 novos colectores amarelos
O Concello da Laracha concluirá a próxima semana a instalación de douscentos novos colectores amarelos –para depositar plásticos e envases- cos que se está a reforzar a cobertura para facilitar á poboación en xeral, locais comerciais e turistas a separación dos residuos para a posterior recollida selectiva dos mesmos por parte dos servizos municipais.
Esta actuación que se está a desenvolver afecta a seis parroquias, que son Torás (incluíndo o casco urbano da capital municipal), Lestón (núcleo de Paiosaco), Caión, Cabovilaño, Lemaio e Lendo. Entre todas elas suman preto de oito mil habitantes, polo que o Concello da Laracha está a promover, potenciar e facilitar a reciclaxe de plásticos e envases ao setenta por cento da súa poboación.
A colocación dos colectores permitirá que en poucos días todos eles xa estean dispoñibles para o seu uso durante gran parte da campaña de verán na que, por norma xeral, se xera unha maior cantidade de residuos especialmente por motivo da presenza de turistas e o incremento de visitantes, co correspondente aumento da actividade comercial, en especial no sector servizos.
Na adquisición destes recipientes o Concello da Laracha investiu trinta e dous mil euros con fondos propios municipais co obxectivo de obter beneficios tanto medioambientais – xa que se aumentará o material recollido para o reciclado- como económicos -neste caso a medio prazo, dado que a redución dos residuos que se depositan no colector xenérico verde implicaría un menor custo no seu tratamento-.
En próximas datas o Concello da Laracha ten previsto dar continuidade a este proxecto co desenvolvemento da súa segunda fase, que afectaría ás outras sete parroquias, completando a cobertura na práctica totalidade dos máis de trescentos núcleos de poboación rural existentes no municipio. Deste xeito, o Concello dotaría cun colector amarelo a cada lugar que conte co colector xenérico verde.
O reforzo da cobertura de colectores amarelos forma parte dun plan amplo promovido polo goberno municipal e dirixido a potenciar a reciclaxe a través do cal xa se desenvolveron outra serie de medidas, como a dotación co sistema vacri en determinados iglús verdes de vidro -co que se facilita a descarga do material para os profesionais do sector da hostalería- e a colocación de máis colectores azuis (papel e cartón) e iglús verdes nos principais núcleos de poboación rural. Ademais, desenvolvéronse campañas de información, concienciación e sensibilización, como as xornadas realizadas nos centros de ensino coa colaboración da Xunta de Galicia e Sogama, e a guía de coidado do medio ambiente e o correcto emprego de cada colector para posibilitar a recollida selectiva que foi elaborada polo Concello e distribuída polos fogares do termo municipal.











