A Laracha quenta motores para as festas locais cunha ampla programación lúdica e cultural

Presentación do programa de festas da Laracha
A Comisión de Festas da Laracha presentou hoxe ao alcalde, José Manuel López Varela, e á concelleira Patricia Bello o programa definitivo das celebracións patronais da capital municipal na honra de Santa María de Torás, que se desenvolverán durante catro xornadas, do xoves 14 ao domingo 17 de agosto, datas nas que haberá diversidade de actividades dirixidas a todos os públicos.
Na reunión de hoxe, celebrada no Salón de Plenos municipal, a Comisión de Festas estivo representada polo seu presidente (Eusebio Ramos), a secretaria (Mari Carmen Serrano), o tesoureiro (Iván Vázquez) e dous voceiros (Eva María Riotorto e Gerardo Loureiro). Tamén forman parte do equipo organizador outras cinco persoas, que son Suso Cotelo, Manuel Ramos, Miguel Ramos, César Serrano e Luis Guillermo.
A principal novidade deste ano será a realización dunha pulpada coa que se abrirán as festas o xoves 14. Os prezos serán populares e contarase coa orquestra Metrópolis para amenizar a xornada.
O venres 15 de agosto, día da Asunción, será a xornada grande das Festas da Laracha. Principiará coas dianas e alboradas a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Ás 9.00 horas celebrarase a coñecida como Misa das Cociñeiras na igrexa vella de Torás. Xa ás 12.00 haberá pasarrúas a cargo da banda de gaitas Cántigas da Terra e a misa solemne na honra á Nosa Señora a partir das 13.30, á saída da cal haberá sesión vermú.
Pola tarde, desde as 18.00, o campo de fútbol Municipal da Laracha acollerá unha nova edición do Trofeo Concello da Laracha, que se disputará en formato triangular, contando coa participación dos tres equipos federados do municipio: Laracha C.F. (3ª División), U.D. Paiosaco e Club do Mar de Caión (ambos militan en Primeira Autonómica).
A partir das 20.00 ofrécese un espectáculo de música e baile tradicional galegos a cargo da Asociación Cultural Santa María de Torás na explanada fronte ao IES Agra de Leborís.
A verbena nocturna estará amenizada polo Combo Dominicano e, ao remate da actuación, unha discoteca móbil.
Na xornada do sábado 16 os eventos máis destacados serán a procesión desde a igrexa parroquial ata a capela de San Roque que comezará ás 13.00 horas. Pola tarde haberá espectáculo na rúa coa actuación do Circo Chasco a partir das 19.00 horas. Pola noite a verbena contará coa orquestra Ciclón.
Por último, o domingo 17 a misa solemne está programada para as 13.30 horas. A partir das 17.00 horas os rapaces serán os grandes protagonistas no Día do Neno e as moitas actividades que se organizarán para os pequenos, incluíndo xogos, inchables e festa da escuma, entre outras. O fin de festa será pola noite coa verbena a cargo da orquestra Nova Generación. No descanso da actuación musical haberá un espectáculo pirotécnico.
José Manuel López Varela aproveitou a ocasión para agradecer o “excelente traballo” desenvolvido polos dez organizadores do evento de xeito desinteresado durante os últimos meses para ofrecer á poboación larachesa e aos visitantes “moi diversas propostas para todos os públicos”.
O presidente da Comisión de Festas, Eusebio Ramos, tamén quixo agradecer o apoio que están a recibir tanto polo Concello como pola maioría de veciños da parroquia de Torás, así como por parte dos locais, establecementos comerciais e empresas colaboradoras. Ademais, lembraron que, igual que o ano pasado, será a propia Comisión de Festas a encargada de xestionar, atender e explotar os bochinches e as barras nas que se servirán as bebidas e que se instalarán no lugar de celebración das verbenas, a que será unha das principais fontes de ingresos para o financiamento das festas.











