A Laracha mostra o seu apoio ao comité de empresa de Celsa Atlantic
Na sesión extraordinaria urxente do Pleno da Corporación municipal da Laracha celebrada hoxe, todos os concelleiros dos tres grupos políticos aprobaron por unanimidade mostrar o apoio ao Comité de Empresa e aos traballadores da fábrica da Laracha de Celsa Atlantic ante o anuncio por parte da dirección da sociedade dun expediente de regulación de emprego (ERE) que afectaría a 56 empregados, practicamente a terceira parte dos 152 cos que conta actualmente a factoría.
Unha vez superado o trámite da aprobación da urxencia da sesión, xustificada porque o período de consultas ao ERE remata o mércores da próxima semana, o alcalde, José Manuel López Varela, deu a palabra a Antonio Rodríguez Porteiro, presidente do Comité de empresa, que falou en nome do resto de representantes tamén presentes no Salón de Plenos.
Rodríguez Porteiro considera que as medidas previstas pola dirección da sociedade “poñen en perigo non so os postos de traballo, senón a continuidade da fábrica”. Considera que, segundo os datos que manexa o Comité de empresa, a factoría é rendible e que a dirección “debería retirar o ERE e apostar por ser máis competitivos convertendo a planta nunha aceiría”, pero mostrou o seu pesimismo ao afirmar que “as negociacións están en punto morto”. Por iso agradeceu a convocatoria urxente do Pleno, o apoio por parte da Corporación larachesa e pediu a mediación para que se celebre antes do próximo mércores unha reunión “a tres bandas” entre o Comité de empresa, a dirección de Celsa Atlantic e a Xunta de Galicia, o que pensa sería “positivo para as negociacións”.
O alcalde, José Manuel López Varela, adiantou que o luns da próxima semana manterá unha reunión coa dirección de Celsa Atlantic, afirmando que fará “todo o que estea na man do goberno local para apoiar as reivindicacións dos traballadores”.
O rexedor municipal propuxo á Corporación adoptar os catro acordos propostos polo Comité de empresa, engadindo outros dous para tratar de facer máis partícipe á Xunta de Galicia no procedemento negociador. Os tres grupos políticos aprobaron de xeito unánime os seguintes puntos:
PRIMEIRO.- Outorgar o apoio e solidariedade da Corporación municipal da Laracha en nome de todos/as os/as veciños/as deste Concello ás demandas da plantilla de Celsa Atlantic
SEGUNDO.- Promover e apoiar todas as iniciativas na defensa do dereito a un emprego digno en Celsa Atlantic por ser unha fábrica con potencial e capacidade produtiva.
TERCEIRO.- Esixir da empresa a retirada dos 56 despedimentos e das medidas de peche lento da fábrica. Esiximos, como reivindica a plantilla de Celsa Atlantic, un Plano Industrial e de Emprego con investimentos e nunha aposta clara por acabar o ciclo produtivo e facer na fábrica da Laracha unha aceiría.
CUARTO.- Instar á implicación e actuación firme e contundente da Xunta de Galicia na defensa do futuro industrial da noca comarca, do emprego e das reivindicacións que fai a plantilla de Celsa Atlantic
QUINTO.- Solicitar de forma urxente unha reunión entre os responsables da Xunta de Galicia, a dirección da empresa Celsa Atlantic e o Comité de empresa da mesma para parar o ERE.
SEXTO.- Dar traslado destes acordos ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Conselleiro de Economía e Industria e á Consellería de Traballo e Benestar, para o seu coñecemento e efecto.
Por último, Juan Manuel Ramos, representante dos socialistas, mostrou o apoio do seu grupo aos traballadores, ofrecéndose a “acudir con eles a onde faga falta”. Xoán Manoel Sande, do BNG, agradeceu “a convocatoria urxente do Pleno” ao goberno local e, ademais de secundar as demandas dos empregados da factoría afirmou que “seguirá participando en todas as mobilizacións”.











