A Laracha consolida o seu irmandamento con Olonne-sur-Mer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaGalicia exterior
A-
A+
Viaxe de irmandamento a Nantes

Viaxe de irmandamento a Nantes

Desde que en 2010 os Concellos da Laracha e de Olonne-sur-Mer (Francia, rexión da Vendée) asinaron o seu irmandamento, todos os veráns organízase un evento oficial para consolidar os lazos de amizade entre os veciños de ambos municipios.

Nesta ocasión foi un grupo de trinta e tres laracheses os que viaxaron á localidade francesa, encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela, e contando cunha ampla representación da Asociación Cultural Santa María de Torás, que acudiu cun grupo xuvenil de música e baile tradicionais galegos.

A delegación larachesa partira o mércores pola noite en autobús rumbo a Olonne-sur-Mer, onde foron acollidos en vivendas particulares e tamén, os máis mozos, nun camping da localidade, ata o domingo. O regreso á Laracha foi o luns pola tarde, tras case vinte horas de viaxe para percorrer por estrada os máis de mil catrocentos quilómetros que separan as dúas localidades.

Como noutras ocasións, o Comité de irmandamento francés, cuxo presidente é Jean-Luc Dalizon, deseñou e organizou un programa de actividades que se desenvolveu á perfección, posibilitando aos laracheses asistentes coñecer Olonne-sur-Mer e outros lugares próximos, poñer en contacto a membros do tecido asociativo e coñecer a cultura da zona francesa da Vendée.

Entre as actividades realizadas, salientar a visita á cidade de Nantes, ao parque temático Puy du Fou e a participación en Olonne à Vélo (similar ao Día da Bicicleta).

Ao seu regreso, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, mostrouse agradecido co seu homólogo en Olonne-sur-Mer, Yannick Moreau, e co Comité de irmandamento polo excelente trato recibido e por comprobar que “os lazos de amizade cada ano son máis firmes”.

O rexedor municipal lembrou que a raíz deste irmandamento institucional, e ademais dos eventos que promoven os Comités e os Concellos, xa se realizaron actividades de intercambio organizadas por centros educativos e mesmo iniciativas de tipo privado por parte de particulares, clubs deportivos e asociacións culturais.

15 de xullo de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.