A Festa do Pulpo do Carballiño espera o interese dos galegos residentes en Cataluña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A 52 edición da Festa do Pulpo do Carballiño está a espertar un gran interese entre os galegos residentes en Cataluña, aos que este ano se dedica a festa. A día de hoxe son as seguintes agrupacións as que xa confirmaron a súa presenza nesta festa, a través dos seus representantes: Casa Galega de l’Hospitalet , Rosalía de Castro de Cornellà, Agarimos de Badalona, Amigos de San Froilán de Barcelona, Saudade de Barcelona, Airiños de Santa Coloma de Gramenet, Irmandade Galega de Rubí, Lar Galego de Terrassa, Centro Nós de Sabadell, Centro Galego de Lleida (Lérida), Sempre en Galicia de Ràdio Cornellà, Galegos no Baix de Ràdio Sant Boi Club Galicia. 2.0, Foro Galego da Terra, Fundación Galicia Universal, UEGALCAT: Federación Unión de Entidades Galegas de Catalunya, XUNTANZA de CATALUNYA. Federación Xuntanza de Entidades de Catalunya.

Na comida oficial do recinto, o próximo 10 de agosto, están xa reservadas máis de 150 tarxetas, solicitadas por estes centros galegos, resultando sen dúbida o ano que máis homenaxeados virán á festa carballiñesa.

Así mesmo confirmaron xa a presenza do grupo de gaitas do Rosalía de Castro, cun número de integrantes superior a 40, que participarán no desfile e festival folclórico do propio día da Festa.

Os responsables desta edición sinalaron que están á espera de que outros grupos e asociacións de galegos en Cataluña confirmen a súa presenza ao longo destes días.

29 de xullo de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.