publicidade hoxe

A Festa do Albariño de Cambados cumpre 62 anos converténdose na mellor festa do viño na Península Ibérica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Rosa Quintana na inauguración da Festa do Albariño

Rosa Quintana na inauguración da Festa do Albariño

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, o delegado territorial da Xunta, José M. Cores Tourís, o presidente do consello regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, entre outras autoridades, participaron no acto inaugural da edición número 62 da Festa do Albariño, onde se pode catar e degustar a anada 2013 do cualificado como un dos mellores viños brancos do mundo.

O grupo das autoridades realizou o tradicional percorrido polo recinto feiral do paseo da Calzada, xunto con numeroso público –máis do habitual no primeiro día-, que se detiña ante as casetas para as primeiras libacións do gorentoso caldo. O brinde albariñense inaugural realizouse esta vez na caseta de Condes de Albarei, asediada polas cámaras, onde conselleira e autoridades brindaron polo éxito da festa cun fresco Rías Baixas. Centos de persoas e as peñas máis madrugadoras percorreron os 42 stands na procura dos mellores caldos entre as 44 adegas que participan nesta magna exaltación. Os albariñenses volven tomar as señoriais rúas cambadesas reivindicando o seu protagonismo na exaltación vinícola máis antiga e sobranceira de España.

Tanto o alcalde de Cambados, como a conselleira do Medio Rural e o delegado da Xunta, coincidiron ó expresar o seu apoio decidido a esta emblemática festa que leva seis décadas promovendo e impulsando o sector vitivinícola do que viven máis de 5.000 familias en todo o Salnés. Tamén amosaron a súa satisfacción por poñer en marcha esta multitudinaria exaltación, “o mellor escaparate da denominación de orixe Rías Baixas, un sector que goza de boa saúde, e que hoxe exporta a súa producción ós cinco continentes”.

O alcalde de Cambados agradeceu o apoio das institucións e a visita que fará o domingo o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e pediu unha especial atención para este sector estratéxico que aglutina a unhas 200 adegas. A conselleira de Medio Rural felicitou a viticultores e adegueiros por seguir elaborando un viño exquisito que se exporta aos cinco continentes. Tamén explicou que se sente na casa, porque xa coñece esta festa dende hai moitos anos. Pola súa banda, o alcalde expresou a súa ledicia por poñer en marcha unha edición máis desta exaltación e engadiu que a súa forza é imparable

Un recinto con 42 stands

O recinto feiral, situado no céntrico paseo da Calzada, acolle corenta e dúas casetas, representando a 44 bodegas e 66 marcas, maioritariamente pertencentes á comarca do Salnés, pero tamén a outras subzonas da denominación. Na Calzada pódense saborear ata o próximo domingo os mellores caldos da excelente colleita 2013.

O prezo da botella mínimo será de 8 euros, pero cada bodega é libre de ofrecer elaboracións especiais nos que podería incrementar os prezos. Por un vaso de albariño pagaráse 1,5 euros e por un cataviños 2 euros. A organización anima a degustar o viño dun xeito responsable, sen esquecer a esmorga e o bo humor que caracterizan á máis grande das celebracións vitivinícolas de España.

A inauguración do Túnel do Viño está prevista para mañá, ás 12 horas, no salón de congresos José Peña, coordinado polo consello regulador. Participan 56 adegas e 126 marcas de albariño e as persoas interesadas nesta cata poderán degustar os viños que máis lle interese por 15 euros. Unha das grandes novidades desta edición é a posta en marcha das catas temáticas, dentro do túnel do viño, que permitirán profundizar no coñecemento de 12 bodegas a través de trece sesións maxistrais dirixidas por enólogos da denominación Rías Baixas, para un máximo de 30 persoas por sesión.

Os 65 viños presentados á cata inicial do concurso do Albariño Rias Baixas, un dos máis prestixiosos do páis, será xulgado por un panel de cata integrado por vintedous expertos nunha sala do Parador Nacional. O sábado, na Cata Prima, seleccionan os 12 mellores viños e o domingo pola mañá elixirán os tres gañadores dos premios máis relevantes da festa que garanten, prácticamente, a venda da colleita.

A gran expectación xerada en torno á Festa do Albariño provoca a plena ocupación de prazas hoteleiras, para as xornadas principais do evento. A afluencia de público sitúase nos últimos anos nunha franxa que oscila entre os 200.000 e os 230.000 visitantes na semana grande dos festexos, na exaltación báquica máis senlleira da península.

Para esta noite (23.00 horas na praza de Fefiñáns) está previsto o primeiro concerto do Albariño coa actuación do galego Iván Ferreiro, xunto co grupo Delafé y las Flores Azules. Para mañá haberá outra cita musical de renome, dentro da XVII Gala do Albariño que se celebra na praza de Fefiñáns (22.30), na que actuarán o grupo leonés Café Quijano e a cantante Edurne. Durante esta gala tamén se entregan os premios que concede o Concello, nos distintos eidos social, cultural, comunicación, deportivo e empresarial, que consisten nunha Folla de Prata con uva Albariña de Ouro inserida.

Para o venres está programado o concerto do grupo La MODA e a continuación o cantautor Kiko Veneno, agardado con gran expectación na praza de Fefiñáns, dentro do programa Música con D.O. O outro gran concerto será o protagonizado o sábado por un dos grandes do tecno latino, Juan Magán. O domingo remata a 62 edicion coa actuación do grupo Petit Pop para deleite dos máis pequeniños, e o concerto da Banda de Música de Castrelo, previo ó espectáculo pirotécnico final.

Outra novidade salientable desta edición será o irmanamento do Capítulo Serenísimo coa Confraría do Vinho de Carcabelos, municipio de Oeiras (Portugal), o sábado ás 13.15 horas no pazo de Torrado, para selar a unión entre estas dúas confrarías.

O gran domingo

O día grande da festa celébrase o vindeiro domingo, día 3, cando se procede á investidura dos novos “cabaleiros” e “donas”do Capítulo Serenísimo do Albariño, ás 13,45 horas no patio de armas do pazo de Fefiñáns, un acto presentado pola televisiva Patricia Rodríguez. A continuación celebraráse o Xantar Albariñense no pazo de Torrado, coa lectura do pregón aos postres polo embaixador de Xapón, Satoru Satoh. Finalmente, procederáse á entrega de premios aos mellores viños da última colleita.

Donas e Cabaleiros

Dna. Marisol Soengas, oncóloga coruñesa.

Dna. Rosa Ruiz, de Bodegas Santiago Ruiz, do Rosal.

D. Satoru Satoh, embaixador de Xapón en España.

D. Fancisco Conde, conselleiro de Industria.

D. José Luis Costa Pillado, presidente do consello consultivo.

D. Jesús Requena, enólogo pioneiro na modernización da viticultura no Salnés.

D. Eulogio Pomares Botana, de Bodegas Zárate e Hijos

XVII Gala do Albariño 2014 e entrega dos premios Folla de Prata con Albariña de Ouro

– Premio no eido da atención social e medioambiental: Seprona Garda Civil

– Premio no eido da cultura, artes plásticas e escénicas: Eva Soto Conde, deseñadora de moda

– Premio no eido do xornalismo-comunicación social: V Televisión do Grupo Voz

– Premio no eido empresarial: Asociac. Placeiras de cambados

– Galardón no eido do deporte:  Agustín Pastoriza “Pibe”, futbolista cambadés do betis.

Despois da entrega de galardóns actuarán o grupo leonés Café Quijano e a cantante televisiva Edurne na Praza de Fefiñáns, a partir das 22 horas.

30 de xullo de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.