A Feira Rural de San Sadurniño volverá ser escaparate da sostenibilidade e das posibilidades do agro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño ultima os preparativos da Feira Rural deste ano, que se celebrará na zona da Cortiña o sábado 30 de agosto, e que nesta ocasión volve cadrar co Mercado local xusto. Dous eventos cos que se tentan poñer en valor tanto os mercados de proximidade como o potencial de crecemento do medio rural. A feira desenvolverase durante todo día con mostras de produtos da terra, concursos, música, artesanía e outras actividades paralelas.

A feira pretende ser unha chamada de atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno, xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo. 

Un obxectivo que move ao Concello e á Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume a organizar de novo a Feira Rural, que terá no concurso de froita do país un dos seus maiores atractivos. De feito, o evento celébrase a finais de agosto para garantir que estean dispoñibles o maior número de variedades posibles e nun punto de maduración ideal.

A VI Feira Rural de San Sadurniño comezará ás 10.30h e prolongarase até as 19.30 cun completo programa de actividades principais e outras complementarias. Entre as principais cóntase, ademais da exposición de froita, a zona para que os labregos e labregas da comarca poderán comercializar directamente os seus produtos de calidade. Á feira incorporaranse a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participan habitualmente nos mercados locais, onde se dan cita comercializadores agroalimentarios, artesáns e mesmo persoas interesadas en mercar, vender ou intercambiar artigos de segunda man. 

Calquera persoa que estea interesada en comercializar os seus produtos na VI Feira Rural debe inscribirse previamente. Hai varias maneiras: presentando a folla dispoñible na web municipal debidamente cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal nº 16 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais de nos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.

Por outra banda, o centro de formación e capacitación agroforestal de Guísamo ofrecerá degustacións de sidra producida con castes autóctonas e tamén de viño elaborado coa uva branca lexítima, como xeito de promocionar o potencial das variedades que o centro está a recuperar.

Actividades paralelas

A programación da xornada aínda non está completamente pechada no tocante á música e ao espectáculo. Si confirmaron a súa presenza os compoñentes do cuarteto tradicional Berros do Castro e tamén Roi Sixto, metido no papel do mago, malabarista e humorista “Roi, o cagabolas”.

Tamén se desenvolverán actividades para os máis novos, como pode ser o descenso en caiac polo río Xubia, os xogos tradicionais ou os obradoiros de comida creativa. Estes últimos forman parte das actuacións do Plan de Igualdade municipal xa que, ademais de cociñar, a rapazada tamén traballará sobre a equidade dos xéneros nos labores domésticos.

Xunto con estas propostas a organización reservou espazo para cinco exposicións relacionadas coa artesanía, a sustentabilidade, a apicultura e as razas de can e galiña autóctonas. En relación co mundo animal, tamén pola mañá, desenvolverase a III Copa Agility -adestramento de cans- Concello de San Sadurniño. 

Para xantar haberá unha zona na que se servirán racións de churrasco -con pan e bebida- a 10 euros€, ou ben de polbo a 12€. Outra opción é ir comer a algún dos establecementos hostaleiros que hai repartidos por todo San Sadurniño, aínda que nese caso é aconsellable ir chamando para reservar, sobre todo naqueles máis próximos ao recinto da feira.

18 de xullo de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.