A ‘Feira das Marabillas’ sitúase como o mercado medieval máis importante do norte de España
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a XX Feira das Marabillas que se celebra entre o 22 e o 27 de xullo, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 23.30 horas. “Un ano máis, a Feira Medieval dá o pistoletazo de saída ás festas de María Pita. Un arranque inmellorable si temos en conta que o da Coruña converteuse no mercado histórico máis importante do norte de España”, destacou a concelleira.
Neste sentido, Ana Fernández explicou que, nesta edición, o Goberno local continúa coa aposta iniciada o ano pasado para dotar ao evento do maior rigor histórico posible e achegar a Feira ao período ao que corresponde. “Para iso, e co obxectivo de que a Cidade Vella e a praza de María Pita retrocedan máis de 500 anos e sexan un fiel reflexo desa época, os 220 postos que se instalarán adaptaranse para dotar ao evento de maior autenticidade e rigor histórico”, destacou Fernández, quen explicou que os postos gastronómicos elaborarán receitas ou produtos medievais, e os de artesanía terán que vender obxectos elaborados de forma artesanal.
No seu XX aniversario, e tras o éxito do ano pasado, a praza de María Pita acollerá as xustas medievais: o martes e mércores, ás 12.00 e ás 20.00 horas; e de xoves a domingo, ás 12.00, 17.00 e 20.00 horas. “Se a cidade regresa ao medievo durante 6 días, ten que facelo con todas as súas peculiaridades: a súa gastronomía, a súa roupa, os seus oficios e, por suposto, a súa forma de solucionar conflitos. Na Idade Media era habitual que os cabaleiros acreditasen a súa destreza co manexo das armas e xustificasen o seu dereito a través destes combates, por tanto, este espectáculo non pode faltar na Coruña”, destacou.
As entradas poderanse adquirir no despacho de billetes que se instalará na praza de María Pita con prezos que oscilarán entre os 2 euros na venda anticipada, 3 euros nos combates de mañá e 4 euros pola tarde.
Para ambientar a feira, tamén se inclúe no programa un Encontro de Música Medieval, pasacalles, talleres, bailes, exposicións e desfiles. Ademais, o sábado 26, celebrarase a tradicional Cea Medieval no xardín de San Carlos cuxas entradas poderán adquirirse nos establecementos comerciais da Cidade Vella. “Ademais, dentro da aposta por ofrecer unha programación gratuíta, de calidade e para todos os gustos e idades, tamén se optou por seguir ampliando a zona de actividades infantís, así como algúns dos espectáculos que xeran maior expectación como a granxa de animais con ocas, póneis, burros e dromedarios; incluíndo, ademais, os tradicionais paseos polo mercado, así como desfiles de cabalaría ou exhibicións de voo de cetraría”, explicou a concelleira.
“Na súa edición número 20 -continuou-, a Feira das Marabillas, pretende seguir avanzando para consolidarse como o mellor mercado medieval do norte de España e sen esquecernos do seu principal obxectivo que é o de xerar actividade económica na zona e en toda a cidade”, destacou Fernández, quen animou a todos os coruñeses e visitantes a que visiten a Feira.
Para a promoción dos festexos, os comerciantes da Cidade Vella, editaron 600 carteis da Feira, 400 carteis das Xustas e a tradicional cea medieval. Ademais, repartiranse 15.000 flyers e 12.000 programas co calendario de actos, horarios, teléfonos de interese e un mapa do Centro histórico, que se repartirán na Oficina de Turismo, centros cívicos, bibliotecas, Ágora e Fórum Metropolitano, autobuses urbanos, establecementos comerciais da Cidade Vella, hoteis e asociación de comerciantes.











