A feira Chalana de Pontevedra impulsará a promoción e a comercialización da artesanía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, apoia un ano máis a sétima edición de Chalana – Feira Atlántica da Artesanía e Deseño, dentro da estratexia de impulso ao sector artesán galego. A mostra prolongarase ata o vindeiro 5 de agosto, na praza da Ferrería, en horario de 11:00 a 14:00 e de 19:00 a 23:00 horas.

O programa do encontro conta cunha variada oferta de actividades artesanais, a través dos 17 expositores que participan, 14 deles inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que xestiona a Xunta e que contan coa marca Artesanía de Galicia. No eido da cerámica están os artesáns Rocío Frade, Alfonso Otero Regal e Pilar Piñeiro. En canto ao traballo do coiro, contarase coa presenza de Edita Oca, do obradoiro Jatafarta, e Patri Puga. Relacionados co téxtil, a tecedora Mª Xosé Lois, do obradoiro Cuaderna Maestra, e máis o obradoiro de serigrafía e deseño téxtil Rei Zentolo.

Na feira tamén hai un espazo dedicado á xoiería en prata a través dos postos de A Feitura e Crisol de Abril, máis especializado no traballo de vidro e prata. A forxa e a ferrería estarán representadas a cargo dos artesáns José Ortiz e Celso A. Nuñez Ferreiro. O evento complétase cos obradoiros Trebello, do artesán Javier Malvárez, e Arcoiris, da artesá Marlen Hofmann, especializados na elaboración de xoguetes, e Laureano Muñoz, coa elaboración de instrumentos musicais.

A colaboración coa organización deste encontro enmárcase na estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, que vén de activar o novo Plan de Artesanía de Galicia. O obxectivo desta folla de ruta é conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

As feiras de venda directa, como é o caso da Chalana, son puntos de encontro que permiten divulgar os oficios tradicionais entre a sociedade, concienciar a poboación do valor da artesanía e axudar á comercialización do produto artesán, ao tempo que incrementan a atracción turística da zona.

17 de xullo de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.