A Escola de Canteiros da Deputación elabora unha estatua en granito da Virxe do Carme para Cesantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRedondela
A-
A+

A Deputación instalou hoxe na praia de Cesantes, en Redondela, unha peza escultórica dedicada á Virxe do Carme e elaborada pola súa Escola de Canteiros.

A peza, realizada en granito silvestre, réndelles homenaxe ás xentes do mar e será inaugurada mañá na festividade da patroa mariñeira. Ten unhas dimensións de 2,70 m de alto, 1,20 m de ancho e 0,70 m de fondo.

A escultura da Virxe do Carme foi elaborada pola Escola de Canteiros e contou para a súa realización cunha subvención da Deputación de Pontevedra a favor do Concello de Redondela e da Comisión de Festas da Virxe do Carme de Cesantes. Esta imaxe será un símbolo permanente das súas festas tradicionais así como un reclamo e un atractivo turístico e social para os visitantes do termo municipal.

A imaxe, cun peso de 4.500 kg, instalouse nunha base rectangular de 1,20 m por 0,80 m e 0,50 m, cunha cimentación previa. A figura de granito pasará a formar parte dun conxunto escultórico coa Virxe do Carme de madeira que xa existe na praia de Cesantes. Un muro de granito instalado entre ambas as imaxes actúa de elemento separador.

15 de xullo de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.