A enseada da Malata acollerá a XXIV Travesía á Ría Abelardo López de Natación
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a XXIV edición Travesía á Ría Abelardo López de natación que se celebrará o vindeiro domingo, día 27, ás 17:45 horas e que descorrerá sobre un triángulo, dentro da enseada da Malata, con saída nas instalacións náuticas de A Cabana. A edil estivo acompañada na presentación do evento deportivo pola filla do homenaxeado, Elisa López Carro e representantes do Club Marina Ferrol. A proba está organizada polo Concello de Ferrol e conta coa colaboración da Asociación de Pais e Amigos Nadadores do Club Marina Ferrol.
A titular de Deportes sinalou que “é un número moi importante de edicións que avala a importancia deste evento deportivo”. Esta travesía, xa un clásico, pretende recordar ao nadador Abelardo López, nado en Cariño no ano 1887 e nadador de largas distancias en mar aberto como a realizada entre A Carraca e Cádiz (12 quilómetros) ou Cádiz-Rota (13 quilómetros). A proba disputarase en nove categorías tanto masculinas como femininas: categoría A (nados no ano 2003 e posterior para homes e nadas no ano 2004 e posterior para mulleres); B (nados entre 2001-2002 para homes e nadas entre 2002-2003 para mulleres); C (nados entre 1998-2000 para homes e nadas entre 2000-2001 para mulleres); D (nados entre 1996-1997 para homes e nadas entre 1998-1999 para mulleres); E (nados entre 1989-1995 para homes e nadas entre 1989-1997 para mulleres); F (1981-88); G (1971-80); H (1961-1970) e I (1960 e anteriores). Así mesmo, serán establecidos dous percorridos: un deles, de 2.000 metros, para as categorías C,D,E,F e G e outro, de 1.000 metros para as categorías A,B,H e I.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar na XXIII edición Travesía Á Ría Abelardo López remata o vindeiro xoves día 24 de xullo e poderán participar todos os nadadores que o desexen, posúan ou non licencia federativa. Os interesados poderán formalizar a súa inscrición no correo electrónico do Club Marina Ferrol: clubmarinaferrol@gmail.com.











