A Deputación investirá 105.000 euros en obras de mellora da seguridade viaria en Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBrión
A-
A+

A Deputación da Coruña investirá un total de 105.543,81 euros en diferentes obras no Concello de Brión. Así o acordaron esta mañá o alcalde Xosé Luís García e o presidente da institución provincial, Diego Calvo, tras a sinatura de ata catro convenios de colaboración.

O primeiro deles irá destinado ás obras de mellora e mantemento de pistas en Tremo-O Cabo, Piñeiro-Sanín e A Graña, e consistirán na limpeza de cunetas e o tratamento superficial con rego asfáltico en varios puntos das parroquias de Cornanda e Os Ánxeles. Neste caso, a achega da Deputación é de 48.047,34 euros. Uns traballos que incluirán o barrido e limpeza do firme, a limpeza de cunetas e un tratamento superficial das pistas, que se atopan desgastadas polo seu uso e con algunhas fochancas debido ás instensas choivas do pasado inverno. O proxecto inclúe a mellora dos accesos aos lugares de A Graña (Cornanda), o arranxo da pista que vai dende O Tremo a O Cabo e a pista que une Piñeiro e Sanín (Os Ánxeles).

Ademais, ambos mandatarios selaron a colaboración para as obras de mellora da praza do Concello onde, segundo explicou o rexedor, “detectamos humidades que temos que evitar”. Así, a actuación, cun orzamento de 8.287,21 euros, prevé a retirada da estrutura metálica que pecha as escaleiras ao aparcamento da praza, así como a instalación de pavimento de tramex apoiado nunha estrutura metálica. Do mesmo xeito, realizarase a obra de instalación da recollida de augas pluviais con conexión á rede existente.

Seguridade viaria e parque infantil

No que respecta á seguridade viaria, outro dos convenios asinados esta mañá contempla a instalación de redutores de velocidade a través dun paso peonil sobreelevado na recta de Bastavales. O custo desta actuación, tamén asumido ao cen por cen pola Deputación, é de 6.806,33 euros. A instalación destes redutores de velocidade terá lugar na coñecida como “recta de Bastavales”, un tramo que comunica Brión con Rois e polo que os vehículos circulan a altas velocidades, co risco que iso supón para os veciños e veciñas que viven nos distintos núcleos de poboación. “Pretendemos mellorar a seguridade da vía, mantendo unha velocidade de circulación reducida ao longo de todo o tramo e protexer os paseos peonís, instalando 4 redutores de velocidade preto das marquesiñas de autobuses e onde se sitúan os pasos de peóns”, explica o alcalde Xosé Luís García.

Finalmente, e cun investimento de 42.402,59 euros, mellorarase a seguridade dos dous parques infantís situados no parque municipal de Brión, na rúa Tarrío e a carón do campo municipal de fútbol. As obras consistirán na substitución do actual pavimento feito a base de area por un chan continuo de caucho de cores. Trátase dun pavimento máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os nenos e nenas que utilizan a diario estas instalacións.

O alcalde de Brión, tras a sinatura dos acordos, valorou moi positivamente a colaboración da Deputación co seu concello, xa que, segundo explicou, “cubrimos necesidades moi importantes para os nosos veciños, como é a mellora da seguridade viaria e a reparación de pistas municipais nun momento moi difícil para nós”. Respecto á obra da praza do Concello, confiou en que coa axuda da Deputación poidan “desaparecer as humidades que afectan tanto á casa consistorial como ao aparcadoiro da praza”.

9 de xullo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.