A Deputación homenaxea a varios clubs polos éxitos deportivos acadados en competicións provinciais, galegas e nacionais

Foto de familia dos clubes homenaxeados
As deputadas provinciais Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez realizaron hoxe unha recepción oficial ós clubs Supermercados Froiz sub-23, Poio Pescamar de fútbol sala feminino, Club Baloncesto Arxil de minibasket e Club de Remo Mecos do Grove para renderlles unha homenaxe polos méritos deportivos acadados por estas institucións así como para entregarlles un trofeo conmemorativo.
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz sub-23 acadou grandes resultados a través de dous dos seus corredores –Óscar González, da Estrada, campión de España contra o reloxo sub-23, e José Antonio de Segovia, campión de España na categoría elite– no Campionato de España de Ciclismo en Ruta.
O Poio Pescamar Fútbol Sala feminino, que contou no acto cunha representación de preto de vinte persoas, foi homenaxeado por resultar Campión Nacional nas categorías infantil e cadete.
Pola súa banda, o Club Baloncesto Arxil recibiu o galardón por gañar o Campionato de España na categoría minibasket (17 persoas).
Finalmente a recepción contou coa presenza de 14 membros do Club de Remo Mecos do Grove, que foi campión provincial, galego e español de bateis, e campión provincial, galego e nacional de traiñeiriñas.











