publicidade hoxe

A Deputación financia a ampliación do Paseo Marítimo de Neda cunha senda peonil e unha ponte de madeira sobre o río Belelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNeda
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, vén de asinar dous convenios co alcalde de Neda, José Ignacio Cabezón Lorenzo,  por valor de 167.997,42 euros para o financiamento de diversas actuacións neste municipio.

A máis destacada, polo que implicará para a imaxe do concello, é a construción dunha senda peonil entre o río Belelle e a praia da Magdalena, ademais dunha ponte sobre o río. Precisamente será esta construción a que permitirá conectar o paseo marítimo que o municipio ten xunto ao mar cara ao interior. Ampliarase deste modo a zona de paseo dos veciños cara ao entorno que conecta con Fene.

A nova pasarela terá unha estrutura de madeira e a ponte configurarase con taboleiro e vigas de madeira laminada apoiadas en estribos nos extremos. A senda peonil terá un pavimento de taboleiros de piñeiro aserrado do mesmo xeito que a varanda. Para este proxecto a Deputación achegará 88.000 euros, o que supón o 80% do investimento total necesario (110.000 euros).

Seguridade viaria

Ademais, a través doutro acordo asinado esta mañá, a institución provincial tamén asumirá o 80% do orzamento destinado á seguridade viaria no municipio. En concreto, a Deputación destinará 79.997,42 euros (dos 99.996,76 que custa o proxecto) á reparación de fochancas, mellora de firme, roza e captacións e condución de augas ata novas cunetas e cara a rede municipal de abastecemento nos 71,6 quilómetros da rede viaria municipal.

Esta última é precisamente a actuación que salienta o alcalde José Ignacio Cabezón Lorenzo, xa que as filtracións de auga estaban producindo grandes danos no municipio, tanto nos predios próximos, como nas pistas, creando incluso zonas “perigosas” para circular. Agora, coa construción de novas cunetas gañarase en seguridade viaria.

10 de xullo de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.