A Deputación de Pontevedra incrementa os itinerarios formativos de aQuelando3

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 A Deputación de Pontevedra incrementa os itinerarios formativos do programa aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, para facilitar a inserción laboral en novos nichos de emprego detectados na provincia.

Así o puxo de manifesto esta mañá a deputada Marta Iglesias na presentación da nova web do proxecto, Net-aQuelando, coa que se pretende ofrecer ás entidades colaboradoras un espazo onde intercambiar experiencias para mellorar a empregabilidade.

A actualización da rede así como a posta en marcha dos novos cursos é posible grazas á nova inxección económica de Europa, que destinou a esta iniciativa da Deputación 551.000 euros procedentes dos remanentes do Fondo Social Europeo.

As novas accións formativas que se van impartir xorden da detección de novos nichos de mercado de cara á inserción laboral nos sectores da hostalería, os servizos socioculturais á comunidade, a integración das persoas con discapacidade e a promoción de actividades físicas, deportivas e recreativas.

Para facilitar a capacitación dos desempregados con especiais dificultades de acceso ó emprego nestas áreas, nas que existe demanda de traballadores, a Administración provincial ofertará cursos de operacións básicas de cociña; dinamización comunitaria; inserción de persoas con discapacidade; actividades físicas, deportivas e recreativas; e dinamización das actividades educativas de tempo libre infantil e xuvenil, no marco do citado proxecto aQuelando3.

Os participantes obterán o certificado de profesionalidade ó amparo dun convenio asinado coa Consellería de Traballo e Benestar.

Paralelamente á posta en marcha destes novos cursos renovouse a imaxe da rede Net-aQuelando3, na que as persoas desempregadas poden obter información sobre o mercado laboral. Serve así mesmo de plataforma para que todas as entidades colaboradoras do proxecto divulguen as novas accións formativas que se están a levar a cabo e as actuacións de formación, orientación e intermediación laboral.

Net-aQuelando3 é tamén unha ferramenta á disposición do persoal técnico do proxecto, que está a traballar pola promoción do emprego nos diferentes concellos da provincia, de forma que poidan actuar como axentes de sensibilización e unidades de detección de persoas interesadas en levar a cabo o seu propio proxecto emprendedor.

A rede recolle tamén información e propostas de iniciativas de autoemprego relacionadas co cooperativismo, un eido no que traballa aQuelando3, con obradoiros de autoemprego e cooperativismo no medio rural que se están a realizar en diferentes puntos da provincia desde o pasado mes de maio.

A nova web inclúe un apartado de formación (Formamos), outro de orientación laboral (Orientamos), outro de inserción (Insertamos), así como un de promoción do autoemprego (Promovemos) e outro de actualidade. Cada un dos campos ofrece información actualizada do que se está a realizar nos diferentes ámbitos de actuación.

As persoas interesadas en utilizar a rede poderán facelo a través da páxina www.aquelando3.depo.es ou ben a través do portal web da Deputación de Pontevedra, www.depo.es.

2 de xullo de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.