A Deputación de Pontevedra e ABANCA impulsan o crédito na provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra e ABANCA asinaron un acordo a través do cal a entidade financeira destinará 70 millóns de euros para financiar iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia. A rúbrica do convenio tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa participación de Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, e Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra. O acto contou tamén coa presenza do vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet.

O Plan Activamos, denominación do convenio, vai dirixido a familias, empresas, corporacións locais e organismos autónomos. ABANCA financiará, en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado, proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o emprendimiento e a creación de emprego.

“Con esta iniciativa conxunta coa Deputación de Pontevedra esperamos contribuír a que as familias, as empresas e as corporacións e organismos da provincia poidan facer realidade os seus proxectos”, resaltou Francisco Botas. “A nosa misión como entidade financeira é facer chegar os recursos alí onde son necesarios para xerar progreso e benestar común”, engadiu o conselleiro delegado de ABANCA.

Proxectos financiables

No ámbito da actividade empresarial ABANCA financiará a posta en marcha de novos negocios, as novas contratacións nos xa existentes, os novos investimentos empresariais e a realización de actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética das empresas da provincia de Pontevedra.

Polo que respecta ás familias, a través do Plan Activamos ABANCA proporcionará recursos para a realización de programas de formación universitaria de grao e posgrao, a adquisición de equipamento tecnolóxico e conexión de banda ancha, a realización de obras para a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética en vivendas, e a adquisición de vehículos eficientes.

As corporacións locais e os organismos autónomos poderán solicitar crédito tanto para a realización de investimentos como para as súas necesidades de circulante.

Os produtos de financiamento contarán con tipos de interese bonificados en relación a oferta bancaria actual e sen bandas de fluctuación. Ademais carecerán de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, disporán de amplos prazos de amortización, e contarán con carencias naquelas modalidades nos que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos

8 de xullo de 2014 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.