A Deputación de Pontevedra destina 1 millón de euros para actividades culturais, deportivas e sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na súa xuntanza semanal a concesión de axudas ós concellos da provincia para o financiamento de actividades culturais, deportivas e sociais, no marco do Plan de Acción Municipal, cun importe total de 1 millón de euros.

Subvenciónanse 215 actividades en toda a provincia, das cales o 40 % son de carácter sociocultural, fundamentalmente actividades formativas e de dinamización social  (cursos de reforzo escolar, campamentos infantís e xuvenís, ludotecas, obradoiros, ximnasia, escolas de nais e pais) e actividades culturais (ciclos de cine, teatro, arte ou festivais de música). Outras, unhas 80, son festas tradicionais e populares, e 50 son eventos deportivos.

Comarca de Pontevedra

Os sete concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca de Pontevedra recibiron un total de 73.000 euros para o financiamento de 22 actividades, o 50% festas tradicionais e populares.

Nos concellos de Poio, Ponte Caldelas e A Lama a Deputación investiu 36.000 euros, 12.000 euros para cada un.

En Poio subvenciónanse a Festa da Ameixa, o Triatlón Porto de Campelo, o Duatlón Cross Concello de Poio, o Torneo de Fútbol 7 alevín e benxamín e a Semana Deportiva de San Xoán. En Ponte Caldelas a achega da Administración provincial vai destinada ó programa “Ponte en movemento” de ximnasia para maiores, á Festa das Dores e ó Plan Cultural do Concello. Na Lama subvenciónanse a Festa do Codillo e a Semana Cultural.

Pola súa banda, o Concello de Barro recibiu 11.000 euros para unha das súas festas máis populares e concorridas, a Festa do Viño. A mesma cantidade suman as axudas concedidas a Cotobade, que, neste caso, permiten o mantemento dun obradoiro de deportes, a realización dunha excursión ó Corpiño, a celebración da Transgalaica, da Festa do Petote e da Feira de Cuspedriños, así como a organización dun campamento.

Campo Lameiro obtivo 9.000 euros para as actividades do Mes Cultural, a Festa da Terceira Idade e o Programa de Actividades Deportivas. Finalmente, Vilaboa percibiu 6.000 euros para a Festa dos Reis e o Entroido de Cobres.

6 de xullo de 2014 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.