A Deputación de Pontevedra abre unha liña de axudas para cubrir necesidades básicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra abre unha nova liña de axudas destinadas ós concellos co obxectivo de garantir a cobertura das necesidades básicas das familias en risco de exclusión.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá as bases que regulan as axudas, cun orzamento total de 365.000 euros, que van destinadas a cubrir desde alimentación ata vivenda, pasando por produtos de limpeza e hixiene ou a adquisición de medicamentos.

As axudas poderán solicitalas os servizos sociais comunitarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que disporán dunha contía máxima establecida en función da poboación e da porcentaxe de desemprego respecto do total da súa poboación; deberán destinar os fondos a atender as persoas que carezan de ingresos suficientes para cubrir as súas necesidades básicas.

En todo caso, e aínda que se dará prioridade á demanda dirixida a dar resposta ás necesidades alimentarias dos nenos que, polo peche dos comedores escolares, se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo, a Deputación pretende que esta liña de axudas permita tamén garantir outros dereitos fundamentais.

Tipos de axudas

Establécense seis modalidades de axuda. A primeira delas é a destinada á compra de alimentos perecedoiros, atendendo tamén á adquisición de alimentos para bebés ou persoas con dietas especiais por motivos médicos, coma celíacos ou alérxicos, entre outros.

No que respecta á vivenda as axudas poderán destinarse ó pagamento de débedas de alugueiro, co obxecto de impedir o desafiuzamento, ou, de maneira excepcional, ó pagamento de hipotecas, sempre e cando a contía de cada cota sexa inferior a 400 € e a débeda non sexa superior a dúas cotas.

Tamén se subvencionará o pagamento dos recibos de subministracións básicas da vivenda (electricidade, gas ou auga).

As bases contemplan, ademais, achegas para a compra de produtos básicos de uso común para a limpeza da vivenda (lixivia, líquido lavalouza…), produtos de aseo persoal (xabón, desodorizante, produtos de hixiene feminina, etc.), e o pagamento de produtos farmacéuticos prescritos por un facultativo especialista ou polos médicos de atención primaria.

Finalmente tamén se poderán cubrir coa achega da Deputación os desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios fóra do propio concello cando sexan debidos a tratamentos, xestións ou actividades que non poidan ser levadas a cabo dentro deste.

Realizaranse así mesmo pagamentos de desprazamentos dentro do propio concello cando estes sexan motivados polas xestións ou actividades relacionadas co programa de educación familiar, servizo de axuda no fogar ou asistencia a recursos sociais, educativos ou sanitarios do propio concello.

9 de xullo de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.