A Deputación de Lugo será a primeira en Galicia en ofrecer gratis asesoramento ós cidadáns para aforrar na factura da luz
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores o novo Servizo de Asesoramento cidadá gratuíto para aforrar na factura da luz, que ofrecerá o organismo provincial, dende a Axencia Provincial da Enerxía, a partir do vindeiro venres, 1 de agosto. A Deputación de Lugo, é a primeira Deputación en Galicia que ofrece esta prestación.
O Presidente subliñou que “ofrecemos este novo servizo ante as continuas subas na luz do Goberno Central, a situación de desinformación na que se atopan os cidadáns, así como debido ós abusos que sofren por parte das eléctricas. Hai que ter en conta que a factura eléctrica en España incrementouse nun 63% nos últimos anos. España xa é o 3º país da Unión Europea coa luz máis cara”. Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “o gasto medio na luz por domicilio ascende xa ós 775 euros ó ano. Tendo en conta que en Lugo hai preto de 136.000 vivendas, segundo datos do INE e excluíndo as segundas vivendas, os lucenses pagan ó ano máis de 100 millóns de euros pola luz. Este gasto é maior, posto que debemos engadir os custes da luz nos Concellos, onde a media, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, é de outros 200.000 euros anuais”.
Ante esta situación, que fai imprescindible o aforre de gastos na luz, e “conscientes de que a información é a mellor defensa para os consumidores” segundo avanzou Gómez Besteiro, a Deputación ofrecerá gratis, e de maneira individualizada, as seguintes prestacións:
1.- Información sobre o mercado eléctrico, as principais variables do sector ou as particularidades do consumo cidadán.
2.- Análise da factura eléctrica con fin de detectar posible erros ou defectos, colaborando, no caso da súa existencia, na tramitación de avisos, queixas ou suxerencias.
3.- Asesoramento sobre as posibles medidas para reducir custes e optimizar o subministro, tendo en conta os hábitos de consumo. Por exemplo, con novos tipos de tarifas, cambiando a potencia eléctrica contratada ou implantando mecanismos de baixo consumo.
4.- Tramitación de bonos sociais, que poden solicitar persoas coas rendas máis baixas, para acadar un desconto do 25% na luz.
5.- Seguimento personalizados de todas as consultas realizadas. A intención é coñecer o funcionamento das medidas asesoradas de cara ó éxito deste servizo
Os aforros a obter poderán ser diversos e o seu alcance dependerá das decisións polas que finalmente opte o cidadán.
Funcionamento do servizo
Tres técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, que estarán no 2º andar da Deputación, atenderán todas as consultas, de xeito presencial, ou ben a través de teléfono ou correo electrónico.
Para unha mellora atención individualizada, é necesario pedir cita previa. Pódese facer a través do teléfono 982 26-01-13 ou mediante no email asesoria.facturacion@deputacionlugo.org. Nestes mesmos canais, tamén se atenderán as consultas. O horario de atención é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.











