A Deputación de Lugo financia medidas para a mellora da eficiencia enerxética en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte e a Deputación de Lugo asinaron un convenio para a mellora da eficiencia enerxética, tanto na iluminación pública como en edificios de titularidade municipal.

A través deste convenio e co financiamento íntegro da Deputación de Lugo, a vindeira semana iniciarase a substitución de lámpadas e a instalación de reloxos astronómicos na rede de iluminación pública, xunto co cambio de lámpadas na Casa do Concello e no Edificio Multiusos. Estas actuacións terán como consecuencia un menor consumo enerxético e unha maior iluminación, así como un axuste horario máis preciso do acendido das luminarias.

A substitución de lámpadas de vapor de mercurio de 80w por outras de haloxenuro metálico de 50w levarase a cabo en 25 núcleos de poboación e afectarán a un total de 225 puntos de luz.

As parroquias onde se intervirá é o número de unidades que se instalarán en cada unha son as seguintes: Vilamarín (22 lámpadas), Rozavales (61), Fiolleda (37), As Fontes de Reigada (41), A Penela (12), Guntín (34), e Bamorto (18 lámpadas). A instalación destas lámpadas levarase a cabo en varios lugares e barretes destas parroquias.

No que respecta ós edificios municipais, na Casa do Concello cambiaranse 5 lámpadas halóxenas de 50w por outras tantas led de 8w, así como 6 lámpadas incandescentes de 60w por fluorescentes compactas de 11w. No Edificio Multiusos substituiranse 82 lámpadas halóxenas de 50w por outras tantas led de 8w; 43 lámpadas incandescentes de 60w por fluorescentes compactas de 11w; e 46 lámpadas incandescentes de 75w por outras fluorescentes compactas de 15w. Tanto os leds como as fluoresecentes reportan unha maior eficiencia enerxética.

A substitución das células fotoeléctricas por reloxos astronómicos, para regular o acendido e apagado das luminarias, supón un axuste no horario de funcionamento da iluminación pública co conseguinte aforro no consumo enerxético.

En total instalaranse 8 reloxos astronómicos en diferentes lugares das parroquias de A Penela, Rozavales, As Fontes de Reigada (2), Fiolleda, Guntín (2), e Baamorto.

Estas actuacións, financiadas pola Deputación de Lugo e con custo cero para o Concello, serán realizadas pola empresa Hallmann Energy e comezarán a vindeira semana.

O concelleiro de Servizos Municipais, Xosé Lois Rodríguez Rivera, valora de maneira moi positiva estas intervencións, xa que veñen a completar outras medidas de aforro enerxético que o Goberno Municipal puxo en marcha dende que chegou ó Concello, tales como: substitución de lámpadas por outras de menor consumo, actuacións sobre a potencia reactiva, renovación de cadros de mando, substitución de células fotoeléctricas por reloxos astronómicos, e axuste de tarifas.

13 de xullo de 2014 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.