A Deputación de Coruña achega 18.000 euros para o campus musical da Federación Galega de Bandas Populares en Santiago
O presidente da Deputación, Diego Calvo, vén de asinar un acordo co presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Armando Morales Blanco, polo que se financia o 80% do orzamento necesario para o VI Campus Musical que se está celebrando en Santiago. En concreto, a entidade provincial facilita 18.000 euros dos 22.500 euros que custa o evento (16.500 para profesorado e 6.000 para os aloxamentos, manutención, materiais e publicidade).
Morales Blanco agradeceu a contribución da Deputación, que permite repetir este evento e incluso melloralo con máis oferta e participantes. Diego Calvo, pola súa banda, destacou a importancia de axudar a entidades coma esta que fan chegar a música a todo o mundo e que traballan pola formación de músicos nun sector no que é difícil profesionalizarse. “Segue a liña da Deputación de apoiar a cultura, dende o ámbito da escrita ata a música, pasando polas artes máis populares”, declarou o titular provincial.
Cursos para profesionais
Este campus ten como obxectivo mellorar a formación das persoas vinculadas á música pertenzan ou non a bandas populares. Así, ofrécense cursos das diferentes especialidades instrumentais e, como novidade este ano, tamén se darán clases de dirección e composición, ademais de abrirse á música moderna e á improvisación con novos talentos como Toño Otero, Adrián Lage e Marco Mendoza.
Nestas xornadas destaca a calidade do profesorado con músicos do máis alto nivel de España e do estranxeiro. O presidente da federación menciona, por exemplo, ao compositor valenciano Andrés Valero ou ao clarinetista coruñés, que traballa na Filharmónica de Berlín, Darío Mariño, entre outros.
O curso lévase a cabo ao longo desta semana no Conservatorio Profesional de Música de Santiago e este ano logrouse mellorar a participación ata chegar aos 126 alumnos.
A través deste campus trátase tamén de intercambiar ideas e proxectos e dar a coñecer a música de bandas á sociedade, así como os seus valores máis destacados. Ademais, o programa inclúe tamén actividades e concertos na cidade tanto con alumnos como con profesores, abertos a todo o público.











