publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 105.000 euros para financiar varias actuacións en Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAres
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, vén de asinar ata catro convenios co alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, polos que se investirán 104.999,8 euros en melloras para o municipio.

Entre todos os acordos, o propio alcalde destacou a compra de maquinaria de limpeza como a máis importante “porque supón unha posta a punto do servizo municipal”. En concreto, a Deputación facilitará 43.085,53 euros para a adquisición (asume o 100% do custo) dun  equipo de limpeza de alta presión carrozado sobre remolque.

Ademais, a través doutro acordo de 23.100 euros que facilita a Deputación, o goberno local poderá asumir unha reforma na iluminación pública no centro do concello. Substituiranse as luminarias actuais das rúas de Zamborela, Cachorra, Prados Lanuxes, Praia das Estacas, Santa Bárbara e Mugardos por outras con tecnoloxía LED que permitirán mellorar a eficiencia enerxética, conseguindo unha redución do consumo enerxético, así como a diminución da emisión de dióxido de carbono e redución da contaminación lumínica. En total substitúense 30 luminarias.

Melloras viarias

Por outra banda, ambos portavoces acordaron tamén realizar reformas nas vías do concello tanto do entorno rural como na zona máis urbana.

Para as contornas rurais achégase unha partida de 9.939,52 euros, o que supón o 100 por cento do orzamento necesario para levar a cabo estes traballos que pretenden arranxar os problemas puntuais destas estradas xurdidos principalmente polos temporais deste inverno.

Repararanse as fochancas e, en xeral, se acondicionarán, os camiños das zonas de Raso, Maiobre, Regueiro, Bulleiro-Loureiros, Pedrós e Rúa Nova de Redes. No caso de Pedrós, tamén se realiza a limpeza e execución de cunetas e na zona alta da rúa Nova de Redes levántase o aglomerado e substitúese por formigón.

Xa no casco urbano, levaranse a cabo obras de reparación do firme en María e Irmáns Bugallo, cunha superficie total de 566 metros cadrados, e en parte da  rúa Concepción Arenal. Así mesmo, limparanse as marxes e a quenlla esquerda e os sumidoiros. Neste caso, o custe da reparación, que asume en solitario a Deputación, ascende a 28.874,75 euros.

En total, a entidade provincial asume en solitario o financiamento destas obras por valor de 104.999,8 euros. Por iso, o alcalde mostrouse agradecido con esta colaboración que permitirá levar a cabo “un importante  lavado de cara ao municipio e ademais aforrar custes”, declarou Julio Iglesias.

11 de xullo de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.