A Deputación da Coruña cofinancia a prantación de máis de 2.000 árbores nos 18 concellos do Camiño Inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Esta mañá a Deputación da Coruña e a asociación Tesouros de Galicia mantiveron unha reunión cos alcaldes e portavoces dos 18 municipios polos que pasa o Camiño Inglés na provincia coruñesa co obxectivo de poñer en marcha a primeira dunha serie de medidas para revitalizar este trazado e que forman parte do convenio asinado hai unhas semanas entre ambas institucións.

“A intención é dar a coñecer o Camiño Inglés aproveitando que outros están saturados”, declarou o titular de Tesouros de Galicia, Javier Rodríguez Losada, que destacou ademais que “temos marca, temos posibilidades e hai interese” para promover esta ruta. Pola súa banda, o vicepresidente segundo da Deputación e responsable da área de Promoción Económica, Emprego, Medio ambiente e Turismo, Antonio Cañás, apelou a unha relación de “simbiose” entre as dúas entidades e os concellos para conseguir este reto.

Esta primeira iniciativa consiste na plantación de máis de 2.000 árbores ao longo de todo o percorrido para contribuír á marcación e reforestación do trazado naquelas contornas onde sexa posible. O obxectivo é protexer e promover os valores medio ambientais do Camiño Inglés, cuxo entorno é un exemplo de diversidade de ecosistemas naturais con rías e ríos, fragas e embalses, entre outros.

Para iso, as árbores, financiadas pola Fundación Amancio Ortega, son especies propias de Galicia elixidas pola súa ampla diversidade xenética. Trátase do piñeiro bravo (Pinus pinaster), do piñeiro insigne (Pinus radiata), do castiñeiro (Castanea sativa) e da cerdeira (Prunus avium), que proceden dun programa para incrementar a resistencia destas especies a pragas e enfermidades. 

O programa completarase cun chamamento á responsabilidade social co entorno natural dirixido a asociacións e centros escolares dos municipios do Camiño Inglés.

Equipo multidisciplinar

Esta iniciativa forma parte da liña específica de traballo de carácter medioambiental, pero haberá moitas máis. A Deputación e Tesouros de Galicia, a través do seu convenio, teñen creado un equipo multidisciplinar coa colaboración da Fundación Universidade da Coruña para o estudio desta ruta.

En virtude deste acordo, o ente provincial facilitou 28.320 euros (o 80% do orzamento total) para contratar a dez bolseiros que traballarán durante catro meses (dous deles a tempo parcial) no estudo das etapas do Camiño Inglés. O equipo, supervisado por un coordinador, está formado por cinco estudantes de Turismo, dous de Comunicación, un de Medio Ambiente, un de Historia e outro de Socioloxía.

Todos eles traballan xa na planificación do percorrido, a definición das etapas, as posibles visitas a realizar, os contidos e os tramos que recorren o territorio, así como a posta en marcha de campañas de sensibilización da poboación con iniciativas educativas e de voluntariado.

Así, no encontro celebrado hoxe na sede provincial presentáronse aos diferentes concellos o traballo realizado ata o de agora, así como as próximas iniciativas previstas como a redacción dunha guía turística bilingüe ou a intención de homoxeneizar a información das distintas páxinas web nunha soa.

Ademais, en canto remate o traballo, membros da Asociación National Trust (na que participa Tesouros de Galicia) realizarán un percorrido por todo o Camiño co fin de deseñar accións conxuntas a desenvolver no territorio británico e máis no galego, co que iso supón para a promoción da provincia.

17 de xullo de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.