A Deputación da Coruña aproba a última fase do DTC93 no que se invisten 14,5 millóns de euros en 68 concellos
A Deputación da Coruña ven de aprobar en sesión plenaria ordinaria a segunda e última fase do Plan DTC93 (Unha Deputación para Todos os Concellos). Nesta fase o orzamento ascende a 14,5 millóns de euros.
En total 68 concellos a provincia realizarán 172 obras grazas a esta nova achega do plan provincial. Súmanse así aos 25 concellos que na primeira fase recibiron 3,9 millóns de euros. En total, este ano a anualidade do DTC93 superará os 18,5 millóns e chegará a toda a provincia.
Tamén entre os plans provinciais se atopa unha partida de 1.152.975,32 euros para o Plan de Travesías que permitirá mellorar a seguridade viaria na provincia. A maioría de actuacións consisten na creación de accesos para peóns, obras de accesibilidade e ellora dos viarios, ademais de traballos de canalización e reforzo do firme.
A Deputación incorporou nesta sesión un modificativo de crédito de 14.524.677,79 euros que se financia con remanentes de tesourería.
Sendas peonís Narón, Lousame e Coirós
O pleno aprobou unha partida de 387.675,29 euros para o Plan de Sendas Peonís, que chega á súa cuarta fase, na que haberá inversións nos concellos de Narón, Lousame e Coirós.
A Narón se destinan 108.599,13 euros para a DP5401 entre Narón e o polígono de Río do Pozo por Castro, entre o punto quilométrico 1,92 ao 2,60. A senda discorre paralela á estrada e terá unha lonxitude de 680 metros e dous metros de ancho. Incluirá un bordo de formigón e unha cuneta para a recollida de pluviais. Para a execución da obra será preciso trasladar os postes de tendido eléctrico, así como de telefonía e se procederá á sinalización vertical e horizontal.
En Lousame se pretende acondicionar e prolongar a senda peonil na DP1104, na ponte Beluso ao ponte de San Francisco (PK 8,260 ao 8,810). O proxecto consiste na execución de beirarrúas duns dous metros de ancho pola marxe dereita entre Sanguiñal e Carantoña. Tamén se contempla a reconstrución dun peche á altura do punto quilométrico 8,430.
Debido á configuración e desnivel do terreo, nos primeiros tramos está previsto facer un muro de escollera con altura máxima de 2,5 metros. A actuación inclúe tamén obras de canalización e sumidoiros, ademais da sinalización horizontal e vertical. En total a inversión ascende a 128.956,49 euros.
Xa no concello de Coirós ampliarase a estrada CP2702 dende o punto quilométrico 1,75 ao 2,19, ata chegar aos seis metros. Executarase novas cunetas e a rede de pluviais. Para mellorar a seguridade viaria, se corrixiran tamén as principais curvas e se construirá unha senda peonil na Espenuca. Este traxecto terá unha lonxitude de 340 metros e un ancho de 1,5 e contará con separadores e marcas viarias. O orzamento total ascende a 150.119,67 euros.
Íntegro, Misela e Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros
Tamén ao pleno foron unha serie de convenios de carácter social coas asociacións Íntegro, Misela e Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) e, como estaba previsto, aprobouse a achega de 400.314 euros para adaptar o colexio de Pedralonga como centro asistencial de Down Coruña.
Financiarase con 288.297,14 euros o xardín terapéutico que a asociación Íntegro para persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra quere desenvolver no seu centro ocupacional. Con esta axuda a Deputación asumirá o 60% do custo do proxecto, que ascende a 80.879,47 euros. Nel se inclúen as obras e o equipamento para estas instalacións que pretenden mellorar a interacción social, a percepción do tempo, estimular a memoria e a mente e aumentar o autoestima dos usuarios, así como fomentar a toma de decisións e a actividade física.
A asociación Íntegro atende a persoas de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
Pola súa banda a Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Noia-Muros (Misela) poderá adquirir un local como centro ocupacional de Noia grazas a unha achega de 190.000 euros da Deputación (o 78,51% do custe total de 242.000 euros). O novo local atópase na planta baixa do edificio “Illa Esmeralda” na avenida da República Arxentina e conta cunha superficie de 1.488 metros cadrados.
Por último, a Deputación aporta 50.483,14 euros para que Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) desenvolva un obradoiro de viveirismo e melloras no seu centro de formación de Valadares-Outes. Este edificio, de dous andares e 1.945 metros construidos, atópase nunha parecela duns 8.916 m2 no lugar de Tourzas-Valadares e as obras pretenden adecuar o primeiro piso para a súa utilización como oficinas. A deputación asume o 32,86% do orzamento total que ascende a 158.475,43 euros.











