A Deputación contrata por 558.000 euros a construción dunha rotonda e unha ponte sobre o río Deva nas Achas, A Cañiza
A Deputación abriu hoxe un prazo de 26 días naturais para que as empresas interesadas presenten as solicitudes para construír unha ponte sobre o río Deva, nas Achas, e unha rotonda de enlace da estrada coa vía provincial A Cañiza-Mourentán.
A obra ten un orzamento total de 558.127 € e un prazo de execución de seis meses.
Nesta estrada, Lamosa-Franqueira-As Achas, que discorre polo concello da Cañiza, é preciso construír unha ponte para poder cruzar o río Deva e crear unha rotonda. O obxectivo é dar servizo á gran densidade de tráfico que circula por esta vía.
Un só obxector ó proxecto
A obras previstas implicarán demoler un muro de cachotería e un alpendre, retirar e amontoar escombros, desbravar e limpar o terreo, e facer escavacións e canalizacións.
Tras unha recollida de sinaturas levada a cabo por un partido político para formular outro proxecto, e despois de varias formulacións, a Deputación optou pola anterior solución por ser a máis adecuada desde o punto de vista técnico e económico. A única obxección ó proxecto foi realizada por un particular que ten a súa casa a 12 m da aresta –non do eixe– da estrada. No levantamento de actas previas, todos os veciños, agás o mencionado anteriormente, estiveron de acordo coa formulación e coa obra do proxecto, e así o asinaron e aceptaron.