A Deputación adxudica a reforma integral do parque da Xunqueira en Vilagarcía por 318.763 euros

A Deputación aprobou hoxe na Xunta de Goberno a adxudicación das obras de mellora no parque da Xunqueira, en Vilagarcía de Arousa, a Construcciones Abal, por un importe de 318.763 €. A obra suporá a reforma integral do céntrico parque, cedido ó Concello en 1998 e que na actualidade presenta diversas carencias e deficiencias.

Ó concurso presentáronse 40 empresas, das que pasaron o corte 34 delas. Resultou adxudicataria Construcciones Abal por un importe de 318.763 €, un prazo de execución de tres meses e melloras ofertadas en 60.000 €.

Os traballos consistirán na reposición dos pavimentos actuais, deteriorados pola acción das raíces das árbores e polo intenso uso do parque, e a realización doutras obras relacionadas co mobiliario urbano e as instalacións.

En concreto, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

– Substitución do pavimento dos camiños existentes. Instalarase un pavimento de lousas de granito nos paseos centrais e lastro de formigón nos bordos para evitar a deformación que poderán provocar as raíces nun futuro.

– Retirada da pérgola na pista multiusos. Na actualidade existen tres paseos con pérgola. Eliminarase por completo a pérgola lateral oeste da pista multiusos e o armazón metálico da que se atopa na zona infantil. Nesta última, substituirase o armazón da cuberta metálica por un horizontal de madeira e plantaranse varias especies vexetais gabeadoras para formar unha cuberta.

– Colocación de bancadas na pista multiusos. Instalaranse bancadas de dous chanzos ó longo do lateral oeste da pista multiusos, para aumentar o aforo pero sen restrinxir a comunicación visual existente entre o paseo central e a pista. Construiranse tamén dous chanzos continuos para formar unha bancada apegada á parte dianteira do escenario, en substitución dunha xardineira sen uso, para poder utilízala para un espectáculo central ou unha competición deportiva.

– Mellora da iluminación. Como na actualidade as columnas de luz quedan por riba das copas das árbores, instalaranse luminarias baixas tipo baliza ou farois de pouca altura ó longo dos paseos para mellorar o sistema de iluminación e marcar os itinerarios.

– Novo mobiliario urbano. Revisarase o mobiliario urbano actual e instalaranse papeleiras novas, substituirase a fonte e colocaranse bancos onde sexa necesario.

O actual parque da Xunqueira é froito dun convenio do ano 1991 entre a Xunta e o Concello. Posteriormente, no ano 1998, a instalación foi cedida ó Concello.

O parque, que ocupa unha céntrica parcela de 13.000 m2, é moi utilizado por xente de todas as idades, debido, entre outras cousas, á proximidade dun centro comercial.

24 de xullo de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.